Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/05/2017 | Actualizada ás 19:41
A asociación ecoloxista Adega e Mariña Patrimonio presentaron unha denuncia polos "posibles danos" ocasionados no xacemento arqueolóxico do Castro da Rilleira, situado no municipio lugués de Barreiros, debido aos traballos forestais realizados na zona por parte da industria do eucalipto.
As entidades alertaron de que "hai exactamente un ano" se produciu a plantación de eucaliptos "noutra parcela deste mesmo castro" sen que, ata o día de hoxe, recibisen ningunha resposta por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.
Nesta ocasión, unhas "tarefas forestais" levadas a cabo na zona do xacemento afectaron "gravemente" a algúns elementos, "deixando á vista en toda a superficie abundantes restos arqueolóxicos".
Nelas empregouse "maquinaria pesada", deuse apertura a unha pista que cortou "o parapeto", arrincaron as raíces dos vellos eucaliptos e realizáronse perforacións no chan para plantar novas árbores.
"Unha vez máis vemos como a industria do eucalipto actúa con total impunidade e con absoluto desprezo polo noso patrimonio ao danar un xacemento arqueolóxico catalogado e protexido", denuncian as asociacións.
E é que, como sinalan, o Castro da Rilleira ten unha "gran significación histórica" ao tratarse do lugar onde, supostamente, se asentaron os cibarcos, unha tribo galaica que aparece reflectida nas obras do historiador romano Plinio O Vello.
PIDEN Á XUNTA QUE ACTÚE
Por tanto, Adega e Mariña Patrimonio reclaman á Xunta de Galicia, en concreto á Dirección Xeral de Patrimonio, a "asumir a súa deber de protexer" o patrimonio galego, á vez que insta o Executivo autonómico a "actuar contra unha industria irresponsable que, por uns centos de eucaliptos, é capaz de destruír un importante ben cultural".
"Unha vez máis vemos a total desconexión entre Medio Rural, Patrimonio e a industria forestal e unha vez máis veremos o deixamento por parte da Xunta de Galicia que, despois desta denuncia, de novo empezará a buscar escusas para non actuar en contra da todopoderosa industria do eucalipto", incidiron.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.