Miles de voces piden nas rúas o dereito a vivir en galego "sen restricións"

A manifestación de Queremos Galego une a toda a oposición na defensa do galego. O PPdeG di que “segue apostando firmemente” polo idioma galego pero “desde un galeguismo cordial”. A RAG celebrou en Xinzo un acto institucional no que destacou o importante papel de Carlos Casares no impulso da literatura e do idioma galego.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/05/2017 | Actualizada ás 15:04

Comparte esta noticia

Miles de persoas percorreron este mércores as rúas de Santiago de Compostela, convocadas pola plataforma Queremos Galego, para reclamar ás autoridades avances para poder vivir o día a día utilizando a lingua propia "sen restricións".

Acto da RAG en Xinzo en homenaxe a Carlos Casares
Acto da RAG en Xinzo en homenaxe a Carlos Casares | Fonte: RAG

A comitiva saíu da Alameda compostelá sobre as 12,15, liderada por unha pancarta na que se lía 'En galego sen límites' portada por Suso Seixo (CIG), Olalla Rodil (BNG) e Marcos Maceira (A Mesa pola Normalización Lingüística). Pero na protesta participaron os principais dirixentes dirixentes de En Marea e o BNG.

En declaracións previas ao comezo da manifestación, Maceira reivindicou o dereito a poder vivir en galego "sen restricións", dado que no día a día danse "impedimentos" en asuntos tan cotiáns como "abrir unha conta bancaria en galego". Ademais, alertou de que o idioma propio cada vez ten "menos presenza" no ensino.

"A lingua galega non é un complemento senón que se trata dunha necesidade para o pobo galego", dixo Maceira. “Mais a Xunta de Galiza, co presidente Feixó á cabeza, non só incumpre a cativa legalidade que amapara o noso idioma, senón que non ten ningún problema en fachendear de actuar directamente en contra”, engadiu.

 

No que se refire á educación calificou de maltrato á combinación entre a LOMCE e o decretazo. Condenou tamén a pasividade da valedora do Pobo con isto mentres non dubidou en “pedir a cartilla de vacionación en castelán” ou en participar no acoso a un centro escolar “por pendurar un cartaz a favor do galego”. Ademais, remarcou a ausencia do galego na maior parte da economía, da xustiza, da administración, do ensino, da saúde, do lecer ou dos medios de comunicación e apelou á solución de normalizala “coa mobilización colectiva e coa nosa actuación diaria repóndoa, así, en todos os espazos onde aínda insisten en expulsala”.

Manifestación de Queremos Galego o 17 de maio
Manifestación de Queremos Galego o 17 de maio | Fonte: @davidemanzaneda

 

A manifestación, que se desenvolveu nun ambiente festivo e animado, contou no final coa participación os regueifeiros Bieito Lobariñas e Josiño da Teixeira e coa actuación da cantora e mestra Belem Tajes. Rematou co himno galego a cargo dos Gaiteiros AntiLomce.

 

O acto final foi presentado pola actriz Isabel Risco e durante o mesmo interviron o actor e director de dobraxe Miguel Pernas, a estudante Karina Pereira Rei, a avogada Guadalupe Vidal, a Membro do Comité da empresa de Eurocen Patricia Cordo e o activista da lingua Cibrán Arxibai. Estas persoas representantivas de diversos sectores sociais puxeron de manifesto os problemas cotiás para o galego. Así, denunciaron a inexistencia do galego na dobraxe de filmes, os problemas para restaurar apelidos ou a deturpación da toponimia, a imposibilidade práctica de uso do galego na xustiza e administración, as consecuencias laborais da exclusión do galego, e a prohibición de uso no ensino.

 

Presenza política

A convocatoria foi secundada, ademais, por representantes de formacións políticas como o BNG, En Marea, PSdeG ou Esquerda Unida. En declaracións aos medios, o portavoz de En Marea, Luís Villares, reivindicou que a sociedade "quere vivir en galego sen límites" e "con normalidade", criticando que "todo o mundo parece entendelo menos Feijóo".

Villares reiterou que "se segue prohibindo que as matemáticas se impartan en galego", lanzando "unha mensaxe" de que o idioma "non é hábil para vivir todas as facetas da vida". "O presidente ten pouca química co galego", ironizou, para esixir que a Xunta ofreza a súa "colaboración" para que prevaleza a "normalidade" no día a día dos falantes.

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou que se trata dunha marcha "importante para o futuro" do país e do idioma para advertir que non se vai dar "nin un paso atrás" no dereito a vivir en galego.

Así mesmo, lanzou unha mensaxe "de optimismo" ao contemplar a "miles de galegos e galegas reunidos en Compostela para reivindicar o idioma" e realizou "un chamamento á mocidade para que sexa protagonista da rebeldía" a favor da lingua. "É unha lingua útil, moderna e fainos estar no mundo con voz propia, con personalidade e ábrenos as portas a miles de persoas", recalcou.

 

O PPdeG insiste no seu “galeguismo cordial”

Pola súa banda, o PPdeG remitiu un comunicado aos medios no que anuncia que “segue apostando firmemente” polo idioma galego. “E con motivo da celebración dun día tan simbólico como é o das Letras Galegas, aproveitamos para defender a promoción e difusión do galego respectando sempre  un principio básico como é a liberdade”, apuntou.

O partido de Feijóo insiste, a pesar das poucas axudas ao galego, que por iso, o Día das Letras Galegas tamén é a data na que “cómpre homenaxear a todos os que, sen importar o día que sexa, empregan a nosa lingua na súa vida cotiá, poñendo o seu gran de area para que perdure no tempo e sexa transmitida a través das distintas xeracións”.

“Do mesmo xeito, queremos que todos, tanto partidos políticos, como sindicatos, institucións e organizacións se unan a favor da divulgación do galego, para que siga distinguíndose con cordialidade entre todas as linguas do mundo”, indicaron.

O PPdeG insistiu na súa intención de fomentar o uso da lingua entre os máis novos ampliando o seu uso a todos os eidos “e construíndo espazos de afecto e utilidade para facerlla atractiva ás novas xeracións”. “Así, serán os máis novos os encargados de ocuparse de coidar esa herdanza inacabada, unha tarefa que non debe ser tomada como un deber, senón como un privilexio que poder continuar”, indicou.

En todo caso, e nunha clara alusión aos partidos da oposición, quixo deixar claro que o galego “non entra con sangue” e apostou por un “galeguismo cordial, amable e afectivo, a imaxe e semellanza do noso pobo. “Fronte a aqueles que utilizan a lingua como unha ferramenta para o enfrontamento e a confrontación, os populares avogamos polo respecto e pola convivencia pacífica con outros idiomas, empregándoa como un medio para o entendemento que nos lembra co seu uso a nosa identidade: galegos”, concluíu.

Lembranza de Casares na LImia

Tamén o recordo de Carlos Casares bateu este mércores con forza no corazón da Limia. "Era de xustiza. Aquí, os latexos da súa memoria son campás de celebración que repican asemade en todos os recunchos do país", anunciou Fina Casalderrey na primeira das tres alocucións da sesión extraordinaria coa que a Real Academia Galega celebrou o Día das Letras Galegas dedicado ao escritor e na que participou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

A académica percorreu os escenarios da infancia ourensá do homenaxeado e reivindicou a súa contribución á literatura infantil e xuvenil en galego. Henrique Monteagudo afondou deseguido no "arco central" da súa novelística e Xesús Alonso Montero centrouse na poesía, xénero que cultivou na etapa universitaria, e recuperou os versos que lle dedicara a unha icona da mocidade da época, o Che Guevara.

Alén da dimensión literaria de Carlos Casares analizada nas tres alocucións, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, salientou na clausura do acto a dimensión do homenaxeado de xestor cultural que desenvolveu como editor, "que é unha maneira de organizar o coñecemento para difundilo", á fronte de Galaxia desde 1986 ata o seu pasamento; e a dimensión como cidadán, "como home comprometido co seu país e co seu tempo". 

"Tiña que ser aquí, na capital da comarca da Limia, onde hoxe batese con forza o recordo de Carlos Casares Mouriño (...). Aquí, no corazón da Limia, onde chegou dende o seu Ourense natal con apenas tres anos, despregou as súas ás de neno curioso para abrir as portas ao mundo das emocións e do coñecemento", arrincou Fina Casalderrey na súa alocución, titulada "Carlos Casares, escritor de alma ao aire".

A académica tamén salientou "a moito máis ca simbólica" contribución de Casares á literatura infantil e xuvenil, eido no que foi un pioneiro en escribir en galego, e tamén en traducir cara ao galego: "O contexto histórico no que foron publicados tanto o libro de relatos A galiña azul coma o texto dramático As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, igual que Os soños na gaiola de Manuel María.

Versos ao Che Guevara

Xesús Alonso Montero escolleu para a súa intervención outra faceta menos coñecida de Carlos Casares, a de poeta, que cadrou coa súa etapa de estudante universitario, antes de que se centrase definitivamente na narrativa, tras a publicación do seu primeiro libro, o volume de relatos Vento ferido (1967). 

"Casares cultivou a poesía, non sen entusiasmo, e desde os 21 anos atopamos poemas seus en publicacións serias, non poucos inscribibles no que, naquel tempo, se chamaba poesía comprometida. Algúns destes textos foron poemas de encarga, como o panexírico á bibliofilia patriótica de Fermín Penzol, encargado por Ramón Piñeiro en 1963, ou o poema "de emerxencia para Antonio Machado", que eu lle encarguei e publiquei no ano 1966", contou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 21 comentarios

9 Escandaleira

Algúns destes que se manifestaron podían repetir este luns que vén en Pontevedra para evitar que o goberno do BNG converta en Fillo Predilecto da cidade a un antigo dirixente falanxista local. Esas cousas que teñen os da UPG pontevedresa para contentar á dereita de toda a vida. O caso é seguir no poder. Os medios non importan. Aínda que cheiren a José Antonio Primo de Rivera.

1 Gamela

8 Victor H

Cada vez menos gente y más viejos los asistentes. Y cada vez menos hablantes de gallego, muchos menos que en tiempos de Franco. Gracias UPG por lograr que se asocie el gallego a la repulsiva estrella roja.

1 Estrela vermella

Xa sabemos que votades de menos a Francisco. Se non fóra polo nacionalismo aínda nos roubarían máis do que nos rouban, aínda teríamos menos peso no estado e a nosa cultura nos estaría tan viva. A realidade é que a perdida de falantes débese maís a motivos sociolingüísticos, motivos que non fan mover un dedo o goberno.

2 Ysinpostre

Quen desprece o galego porque o defende o BNG ou por unha estrela bermella, non ten criterio nin cabeciña. O idioma e a cultura son moito máis que unha bandeira ou un partido. Se o BNG defende o idioma e cousa súa e o que por iso deixe de empregar o galego un chisco ten a personalidade dun neno consentido. Xente así millor fora. Para decilo doutro xeito: é como se eu digo " non quero ó castelán porque o empregan os corruptos de Espanha, os pijos e os chupatintas de facenda; tampouco me gusta porque as cores da bandeira semellan mostaza e tomate dun hot dog, non me gusta porque o defende o feixismo...etc. ¡ hai tantos motivos!"

3 Victor H

La verdad es que entre Franco y la estrella roja, el 99% de la población gallega lo tendría clarísimo como la historia muestra. Cuando los que vivieron con Franco tuvieron que escoger las cosas fueron así. El BNG es un parásito del gallego y su imposición.Sin ello desparecería como secta organizada. El problema es que el gallego desaparecerá con ellos.

7 Gamela

Un ano máis asistimos á LITURXIA de todos e de ninguén // Algúns artigos vellos igual serven para facer MEMORIA http://gamela00.blogspot.com.es/sea... // E xa de paso deixovos aquí a miña particular actividade no día das Letras Galegas 2017 // moita paciencia temos con vós... https://goo.gl/44o7VZ (evidentemente ninguén respondeu!)

6 Xosé

Os do PP ,como sempre ,dando a entender que todo o mundo impón o galego menos eles. Canto dano están a facer a Galicia! Ogallá a oposición enteira sexa quen de contrarrestar dun xeito intelixente o veleno que está a espallar a Xunta na sociedade galega.

5 Berenguela

Coido que este ano houbo na Quintana menos xente. A praza estaba case chea, pero non a abarrotar como outras veces ou no Día da Patria. Haberá que redobrar esforzos para o próximo Día das Letras. O galego vai morrendo paseniñamente.