Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 22/04/2010
Laboristas e conservadores estanse vendo desbordados pola crible e sólida promesa de rexeneración demócratica, de xestión e de xustiza do liberal demócrata Nick Clegg, no primeiro dunha serie de tres debates televisados entre os tres principais candidatos a primeiro ministro, o laborista (socialista) Gordon Brown, o conservador David Cameron e o devandito Nick Clegg dos Liberal Democrats, a frase máis repetida polo actual primeiro ministro, ata sete veces, foi: “I agree with Nick” “estou de acordo con Nick” seguramente nun intento de evitar a fuga de votos cara os liberais, co que non contaba Brown é co extraordinario reforzamento do candidato liberal que se produciu no debate e que lle acababa de facilitar un lema potentísimo a un adversario, inicialmente menos perigoso para el que o conservador, pero que xa aparece como primeira forza nalgunhas sondaxes e por riba dos laboristas absolutamente en todas.
Nese debate centrado en políticas de índole interna, puidemos contrastar varias cousas, as políticas propostas por Clegg son as máis avanzadas e innovadoras, desde as suas políticas fiscais de declarar exento no imposto da renda as primeiras 10.000 Libras, pasando pola forte aposta polo ensino, a posibilidade de que un deputado corrupto sexa cesado polos seus electores de forma inmediata, ou a negativa a renovar os arsenais nucleares do Reino Unido.
Laboristas e conservadores concordan en manter a blindaxe aos deputados corruptos, concordaban tamén en renovar o arsenal nuclear sen ter en conta o grave défice público que arrastra o país e sen ter en conta que a guerra fria xa acabou, como Clegg lles fixo ver e que con necesidades e carencias importantes en educación e sanidade, por exemplo, non se pode seguir a gastar esa fortuna en armas nucleares. Clegg tanspira honestidade, por iso barreu segundo todos os inquéritos, aos seus resabiados e cínicos rivais.
Clegg dixo unha verdade que nunca escoitamos aos políticos galegos e españois de PP, PSOE ou BNG, que os recursos son escasos, para gastar máis nunha cousa só hai duas opcións; ou subir os impostos ao estilo PSOE o que case todo o mundo considera o camiño errado, ou gastar menos noutras cousas, mentres os candidatos laborista e conservador, prometian gasto en novas cousas non dician onde ian recortar o que tamén lle fixo gañar credibilidade ao liberal, que dixo cal era a ecuación para poder baixar impostos, reducir o défice público e poder gastar máis en educación e sanidade, simplemente aforrar os cartos no programa nuclear Trident.
Outro elemento diferencial é que mentres que socialistas e conservadores traballan para as élites financeiras da City londinense igual que o PP e o PSOE en España traballan para os grandes bancos e as grandes construtoras, os Liberais apostan forte polo tecido de pequena e mediana empresa, prefiren un modelo económico máis baseado na produtividade e no emprego que na especulación financeira.
O segundo debate será sobre cuestións internacionais, ai teremos oportunidade de ver que o partido máis europeista dos tres son os Lib-Dems, o que demostra o aperturismo desta ideoloxía, a medida que vamos repasando distintos plantexamentos en políticas públicas dos tres partidos poderiamos comezar a preguntar cal dos tres partidos é máis progresista e para min a resposta é que claramente os Liberais Demócratas, que son os únicos que non defenden os privilexios da City e dos políticos corruptos (defendidos por laboristas e conservadores) ou dos sindicatos (defendidos polos laboristas).
O caso británico pon de manifesto algo dificil de explicar nos paises latinos onde a esquerda tentou contaminar o concepto de liberalismo co seu invento da palabra neoliberal e simultanemente algúns conservadores comezaron a dicir que eran liberais para fagocitar ese espazo ideolóxico a falta dun corpus ideolóxico propio que mereza tal nome, xa que o conservadorismo basease en evitar os cambios de todo tipo e en defender e fomentar os privilexios e carece portanto dun sistema ideolóxico que informe uns obxectivos de progreso.
Eu creo que o liberalismo é a ideoloxía progresista por excelencia sen ser de esquerdas ou precisamente por non ser de esquerdas nin de dereitas, unha ideoloxía que defende o dereito das persoas a vivir a sua vida en liberdade e que recoñece ao estado o papel de garantir a igualdade de oportunidades, de garantir a propiedade privada, a igualdade ante a lei, a separación clara de poderes para evitar abusos, o combate aos privilexios e de xerar as condicións para que os individuos poidan en definitiva progresar nunha sociedade libre e aberta, sen ter marcarlles, de forma mesiánica, cal é o camiño dese progreso, como faria un socialista ou dicirlle que nada pode cambiar, como faria un conservador.
Hai uns meses en Barcelona no congreso do Partido Democrata Liberal e Reformista Europeo tiven a oportunidade de coñecer a varias persoas destacadas dentro dos Liberal Democrats británicos e reafirmeime no meu convencemento de que son un partido referencia para nós e dos que indubidablemente podemos aprender moito. Estes días estamos en contacto con eles para informarlles de que dous dos nosos afiliados residentes no Reino Unido colaborarán como voluntarios na sua campaña.
Progresista ou socialista? yes indeed, I agree with Nick.