Zapatero "O grego"

Na cuestión da decadencia grega, da necesidade de que, despois de ter mentido e falseado as suas contas, sexan os outros os que lle teñen que tirar as castañas do lume, predominan reflexións de todo tipo incluindo a dos comunistas que convidan aos pobos de Europa a levantarse.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 06/05/2010

Comparte esta noticia

Eu sen embargo boto en falta unha mínima reflexión sobre as causas da decrepitude política e social dun País que no seu periodo de apoxeo clásico entre o 500 e o 336 antes de Cristo era a referencia europea e mundial polo seu sistema de goberno e pola sua cultura.  

A cultura política da Grecia actual está sustentada no clientelismo, no intercambio de favores de todo tipo protagonizado pola administración pública en relación aos cidadáns e ás empresas a cambio de apoio electoral, financiamento ilegal para os partidos, etc.  

Dous son os principais tipos de beneficios que o Estado proporciona a grupos de clientes diferentes e particulares. O máis cobizado é un emprego na función pública, un de cada catro gregos con traballo, está empregado polo estado, en España un de cada cinco de momento. Os helenos dedican máis dun 80% do gasto público a salarios, e pensións dos traballadores do sector público, isto resulta sinxelamente insostible porque é a actividade privada a que xera riqueza para o sostimento do sector público e cando o equilibrio se rompe o resultado é a bancarrota.

A segunda forma do sistema clientelar consiste na concesión de privilexios aos diversos grupos profesionais, como avogados, notarios, propietarios de camións, farmacéuticos e ópticos, creando “mercados pechados” que limitan a competencia en beneficio dos que están dentro e en perxuizo do resto da sociedade, algo do que tamén temos varios exemplos aquí. Nesa política de protección e defensa dos privilexios os socialistas e os conservadores gregos, igual que os españois, están plenamente de acordo, como demostra que ningún dos dous partidos eliminou estes privilexios. En Tui temos un bo exemplo, só pode construir o alcalde.

Os mercados, como é perfectamente comprensible, non se fian de España nen do seu goberno, que leva dous anos tentando minimizar, cando non negar, o alcance da crise e que demostra unha incapacidade supina para emprender as imprescindibles reformas estruturais porque implican tocar privilexios de diversos grupos (a mesma razón pola que o PP non é capaz de concretar que propoñen eles). Os investidores internacionais deciden polo tanto sair a fume de carozo da bolsa española e o noso Presidente di indignado: “no doy crédito, esto es una locura”.

A quen ninguén da crédito xa fora de España é ao propio Zapatero e dentro de España xa só o fan os grupos privilexiados polas políticas e non-decisións do goberno socialista, entre os que merecen unha mención especial os sindicatos aos que subiu a subvención nun 50% e aos que, como se ve con claridade, preocupanlle os seus priviliexios e non os catro millóns longos de desempregados.

Un goberno que sostén tres ministerios que non valen para nada, como a vicepresidencia de Chaves, e os ministerios de vivenda e igualdade (afillada de Chaves) non merece crédito, un goberno que, pese a unha taxa de desemprego do 20%,  non é capaz de por en marcha unha reforma laboral que se lle reclama de forma unánime desde todos os foros económicos internacionais non merece crédito.

Os mercados danse perfectamente conta de que Zapatero é un gobernante incapaz e portanto, ainda que a situación non é tan mala como a grega, danse conta tamén de que o que levou a Grecia ao abismo é o mesmo que leva a España dereitiña cara o mesmo abismo como o goberno non rectifique e como ven que en dous anos non rectificou pois é para que se poñan nervosos.
 
Cada día que Zapatero continua na Moncloa achegámonos un pouco máis ao desastre pero pensar que a alternativa hoxe é a dos mesmos que gobernan en Galicia e en Ourense con modus operanda idénticos ao dos gregos tampouco me tranquiliza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA