Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 15/05/2010
Ese estado que neste momento está tutelado por outros estados máis fortes e disciplinados chamase España, ademáis ese estado está no Euro, e ten un tamaño que poderia por en riscos gravísimos a estabilidade da zona euro e da moeda común polo que Merkel co apoio de Obama logran impor desde fora unhas medidas de axuste para recuperar a credibilidade de España, recuperación da credibilidade que non se produce por méritos do goberno socialista senón ao constatar os mercados e a comunidade internacional que España está tutelada e dirixida desde fóra cando as cousas se poñen feas e que queren que lles diga, a min tamén me tranquiliza.
Cando te impoñen outros as decisións de recorte de gasto público porque ti levas dous anos sen tomalas e xa non tes marxe de manobra as medidas concretas soen disparar en grande medida na dirección incorrecta. Os tempos na toma de decisións son claves, o estado partia no inicio de 2008 nunha situación de superavit o que daba unha enorme marxe para, tomando medidas nese momento, xusto despois da vitoria electoral do PSOE poder facer o imprescindible axuste moito máis eficaz e menos doloroso.
Conservadores e socialistas non entenden con frecuencia que os salarios teñen que estar ligados á produtividade, tanto produces tanto podes gañar. A produtividade da administración pública española, incluindo administración central, autonómica e local non é precisamente exemplar. É verdade que os funcionarios non tiñan sofrido ata este momento os rigores da crise dunha forma ao menos tan clara como o resto dos cidadáns e iso supuña unha iniquidade, é certo tamén que conxelando os salarios no ano 2008, nun momento de baixada de prezos como foi ese ano e garantindo que por cada tres baixas na administración só se producisen duas altas teria sido suficiente e teriase evitado o recorte do 5% que se produce agora, en vez diso limos na prensa que nos dous primeiros meses do 2010 o incremento en gasto de personal foi do 4,6%, unha cifra claramente superior ao 2,7% que figuraba nas previsións dos orzamentos e que xa de por si era inasumible.
A medida en relación ás pensións está mal deseñada e castiga ao traballo, non é xusto que se teñan que primar as pensións non contributivas sobre as que teñen orixe no traballo, un incentivo erroneo máis que castiga o traballo, en todo caso a nosa pirámide demográfica vai facer insostible a medio prazo o actual sistema de pensións e o máis razoable seria pasar dun sistema de reparto a un sistema de capitalización, onde cada traballador vai capitalizando a sua pensión da xubilación, cando a xeración do babyboom nos xubilemos seremos moitos máis que os nosos fillos e estes non poderán pagar as nosas pensións, o modelo de reparto está condenado á quebra.
Temos un goberno central incapaz e irresponsable, agora lembrámonos de medidas trapalleiras e populistas como o cheque bebe (sustitutivo cutre dunha política seria de natalidade), lembrámonos dos 400 euros que o goberno socialista decidiu devolver a maiores na renda para gañar as eleccións do 2008, lembramonos dunha suba do IVA que se nos ven agora enriba e que teria sido innecesaria de tomarse medidas a tempo.
Ademáis do cambio do modelo de pensións son moitas as reformas estruturais que están pendentes, a administración precisa unha reforma a fondo, hai que suprimir institucións que só aportan gasto e non aportan valor como os ministerios de igualdade e vivenda, a vicepresidencia de Chaves que ninguén sabe para que vale, o Senado, as Deputacións provinciais e concentrar concellos para gañar en eficiencia. Ademáis diso hai que eliminar chiringuitos, administración paralela, delegacións da administración central e autonómica, etc. Outra reforma estrutural pendente é a do mercado de traballo, cun 20% de desemprego o estado ingresa menos e gasta máis, e para diminuir o desemprego hai que facilitarlle a contratación e a rescisión dos contratos ao empresario garantindo uns mínimos dereitos ao traballador e acabando co actual mercado de traballo dual de privilexiados (fixos) e parias (desempregados e temporais), os salarios subirán cando escasee a man de obra cualificada e aumente a produtividade e non hai outro camiño para conseguir isto que a flexibilidade laboral e a formación.
Tamén hai que eliminar prebendas e privilexios como os do lobby farmaceutico, consensuar unha reforma educativa imprescindible para gañar competitividade, reformar e informatizar a administración de xustiza, apostar pola enerxía nuclear como alternativa eficiente ao petroleo e controlar aos oligopolios e monopolios, legalizar a prostitución, loitar contra a fraude fiscal simplificando e baixando os impostos a un tipo único para facer o control moito máis fácil e portanto máis eficaz, diminuir o incentivo á fraude e non cargar todo o custo da crise sobre as rendas baixas e medias evitando a suba dos impostos indirectos (IVA) e declarando exentos do IRPF os primeiros 15.000 € de renda anual, suprimir ETT’s e SICAV.
En relación á reacción do PP ás medidas adoptadas é moi fácil ser demagóxico cando non se tiña proposto ningunha medida concreta. Temos un goberno e unha oposición irresponsables e sen sentido de estado, esperemos que Merkel siga atenta e vixilando a España.