Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 20/05/2010
Sí, eu era nos noventa un máis daqueles mozos do babyboom dos setenta que estaba naquela altura entre dezaoito e vintecinco anos, que maioritariamente votaban ao BNG ata convertilo na opción política máis votada entre a mocidade e a segunda do País nas autonómicas do 97, era o voto protesta que galvanizaba o rebelde e carismático Beiras e o voto da contestación a unha figura vista como retrógrada e pertencente ao pasado pola inmensa maioria da xuventude, particularmente da universitaria, como Manuel Fraga. O meu excompañeiro de piso era un máis dos que votaba ao BNG simplemente porque era o que facíamos praticamente todos no noso entorno.
Despois de dicirlle que eu xa non votaba ao BNG desde había anos e que fundara un partido el afirmou, “lo que está claro es que las coaliciones no funcionan, yo voté al PP”. Quince anos despois un daqueles estudantes que votaba para seguir a maré agora voltaba a votar seguindo a maré e a xustificación do seu voto era que as coalicións non funcionaban, eu expliqueille que, desde o meu punto de vista, iso non era unha regra fixa, que o bipartito non funcionara como un único goberno senón como dous e que o o PSOE e o BNG eran proxectos políticos moi diferenciados e que estaban forzados a pactar para acceder a un poder que exercian completamente por libre tanto nos concellos como na Xunta, que iso non era unha coalición de goberno coordenada senón unha simple suma aritmética de votos para instalarse no poder e que en países máis desenvolvidos que o noso, como Alemaña, as coalicións eran regra común e que a sua valoración era positiva ao entenderse o dialógo e a concertación desde distintas posicións políticas como algo enriquecedor e fortalecedor da propia democracia.
Acabamos de asistir hai uns dias ao acordo no Reino Unido entre os Liberal Demócratas e os Conservadores, unha das cousas que ambos teñen claro desde o principio é que lle terán que transmitir á cidadania que son un goberno e non dous xa que na Gran Bretaña todo o que non sexa maioria forte de goberno monocor non é habitual, eis o cerne do asunto, se chega a haber cambio da lei electoral, como demandan os liberais, o Reino Unido transitará dun sistema onde as coalicións son moi excepcionais a outro onde as coalicións serán regra case fixa, é imprescindible portanto que a cidadania vexa que ten un goberno e non dous para que a reforma da lei electoral sexa viable, os Libdems son perfectamente conscientes diso e xa o están a por en práctica, cando un ministro Libdem ten que presentar unha medida importante faino acompañado do primeiro ministro conservador Cameron e non do Viceprimeiro ministro liberal Clegg, todo o contrario do que facian os coaligados galegos.
Cando un matrimonio non funciona ninguén lle bota a culpa á propia institución matrimonial se non aos membros dese matrimonio. PSOE e BNG fixeronlle e estanlle a facer moito dano á creación e fortalecemento dunha cultura política de coalición e o que conseguiron coa fallida experiencia do bigoberno autonómico foi crear en moitas persoas a crenza, convenientemente espallada polos seus adversarios do PP, de que unha coalición non pode funcionar nunca, que a coalición é algo malo per se, e que isto é así polo feito de ser unha coalición e non se atribue, como debería, ao fracaso ou inadaptación dos membros desa coalición.
Isto ten unha consecuencias políticas preocupantes para calquera demócrata, o razonamento que pretende establecer como elemento estrutural do noso sistema político a “incultura da coalición” e que encontrou chan fertil no fracaso da esquerda é tan perverso como este; se as coalicións son malas per se só temos unha alternativa: termos un goberno dun só partido, portanto só se pode votar ao PP, o que introduce na decisión de voto un elemento novo que lle resta competitividade e posibilidades ao propio sistema da democracia parlamentaria. A forza e credibilidade deste razonamento perverso que o PP, coa inestimable colaboración de PSOE e BNG pretende espallar na nosa sociedade, só pode ser roto con eficacia coa quebra do sistema de partidos de dous (PSOE+BNG) contra un (PP) que impera na actualidade e isto só é posible desde un espazo central como o que no Reino Unido e Alemaña ocupan os liberal demócratas, conseguindo desta maneira homologar a Galicia desde o punto de vista do seu sistema de partidos coas democracias máis avanzadas do continente.