Por Galicia Confidencial | Carnota | 05/06/2017 | Actualizada ás 12:30
Un dron sobrevoará durante 15 días o Monte Pindo e os espazos adxacentes para evitar que se repitan as imaxes de 2013, cando este espazo natural foi comesto polas lapas. A iniciativa forma parte do proxecto GESFIRE, que se puxo en marcha en 2014, co obxectivo de poñer a tecnoloxía e a investigación á busca de novas formas de intervir fronte aos efectos dos incendios forestais e, sobre todo, facilitar ferramentas para optimizar a xestión posterior ao incendio.
Ó longo destes anos os investigadores estudaron no Monte Pindo a rexeneración natural das comunidades vexetais en diferentes escalas espaciais para coñecer o seu desenvolvemento temporal e o da súa biodiversidade, así como o recrutamento das poboacións de P. pinaster e doutras especies arbóreas. Nas zonas seleccionadas para o desenvolvemento do proxecto estudáronse os efectos da intensidade do lume para determinar indicadores de severidade eficaces, tanto do solo como de vexetación. A partir de imaxes de satélite, investigadores destes grupos colaboraron na consecución de cartografías de severidade e recorrencia de incendio.
Nesta última etapa tomaranse fotografías aéreas cun dron que incorpora sensores multiespectrais e RGB de alta resolución. Os sensores multiespectrais e os sensores RGB operan a distintas lonxitudes de onda e detectan pequenos cambios na radiación que reflicten o solo e as plantas.
Detectar as especies invasoras
Estes datos permiten coñecer o grado de desenvolvemento da vexetación, detectar situacións estrés e zonas de actuación prioritarias. Con toda esta información dixital e as imaxenes de satélite de alta e media resolución os investigadores propoñerán modelos de comportamento da rexeneración da vexetación en función da recorrencia e da severidade do lume. Esta actuación, estendida no tempo, permitirá operar a un nivel máis detallado e determinar cales son os mellores indicadores de severidade e rexeneración de entre os modelos detectados previamente.
O Monte Pindo é unha área LIC (Lugares de Importancia Comunitaria) da Rede Natura, cun alto valor ecolóxico e xeolóxico, e cunha historia de incendios moi prolongada no tempo que lle engade máis valor ó que xa ten de por si a propia investigación.
Nestes anos estase detectando un elevado número de especies exóticas invasoras, destacando tres especies arbóreas que presentan un elevado potencial invasor. Actualmente xa se ten información biolóxica moi interesante que servirá para controlar estas especies.
Este proxecto forma parte do programa Retos da Sociedade do Ministerio de Economía e Competitividade titulado “Ferramentas multiescala para a xestión post-incendio de ecosistemas forestais propensos ao lume no contexto de cambio global”.
Nova do medio colaborador QPC
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.