Separación de poderes

Como demócrata liberal as miñas propostas nunca serán antisistema, non pretenden que deixemos de gozar dunha democracia, van xustamente no camiño contrario...

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 27/05/2010

Comparte esta noticia

na necesidade ou mesmo diria, na obriga que neste momento temos os demócratas de contribuir a reforzar e reformar o, para min, defectuoso deseño institucional español saido da transición, no que se insire Galicia,  precisamente para garantir e blindar que a nosa democracia perdure e garanta un marco xurídico e político onde os cidadáns poidan desenvolver as suas potencialidades máximas e desfrutar plenamente das suas liberdades.

Xa os país constituintes dos Estados Unidos resaltaron a importancia fulcral dunha separación entre os poderes executivo, lexislativo e xudicial o máis clara posible contribuindo desa maneira a evitar de forma determinante os abusos que inevitablemente se derivan da concentración de poder, vemos como o presidente Obama ten que traballar voto a voto para conseguir as reformas legais que pretende, cousa que na defectuosa democracia española non acontece, por non falar da politización clarísima do poder xudicial español , un Consello Xeral do Poder Xudicial politizado, onde maxistrados como Margarita Robles non dubida en presumir de ter colocado a moitos dos membros da sua asociación de xuices en base á sua adscripcion e non á sua valia e a renovación do Tribunal Constitucional paralizada por PP e PSOE  o que obviamente afecta de forma grave á sua lexitimidade. Ademáis é fundamental para a consecución dunha xustiza o máis eficaz posible a sua dotación de medios para a sua axilidade. Algo non funciona correctamente cando o noso sistema fiscal e xudicial non é capaz de parar os pés a alcaldes como o de Foz (PSOE) ou o de Tui (PP), a miña cidade.

A partitocracia de PP e PSOE controla de forma transversal os tres poderes mais non contentes con iso tamén queren controlar o cuarto, a prensa, en Galicia temos un magnífico exemplo disto; PP, PSOE e BNG están de acordo en comprar con diñeiro público un bo trato por parte dos medios de comunicación con millóns de euros de subsidios discrecionais e publicidade institucional que se dan todos os anos incluindo a gobernos que se autodefinen como austeros como a Xunta de Feijóo. Evidentemente isto non é propio dunha democracia avanzada que mereza tal nome, estes partidos non permiten que o da comunicación sexa un mercado libre e competitivo, agredindo desta maneira á xustiza, á liberdade, á igualdade de oportunidades e á democracia, un exemplo ilustrativo sobre o terreno é que só Converxencia e un xornal de Madrid se atreven a denunciar publicamente que son os intereses de negocio do alcalde de Tui os que impiden desde hai xa moitos anos a aprobación do PXOM, temos que nos enterar tamén polo mesmo xornal de Madrid de que o alcalde agrede a un viciño ou de que por esta agresión é denunciado e xulgado mentres outros xornais nos falan da pesca do meixón.

O problema de plantexar reformas institucionais en España é que as características ideolóxicas e culturais dos dous pilares da partitocracia española, especialmente do conservador PP, fai extraordinariamente complicado consensuar calquera reforma de calado en case calquera terreno, oxalá me equivoque pero o meu vaticinio é que estamos no comezo dun forte deterioro institucional que xa estamos vivindo, que vai ter un punto de inflexión na sentenza contra o estatuto catalán dun Tribunal Constitucional deslexitimado por non cumprir as suas propias normas de renovación e que a falta de responsabilidade e de sentido de estado de PSOE e especialmente de PP van facer moi dificil a configuración dunha saida que reforce a nosa democracia. Teño a impresión de que só o debilitamento destes dous partidos simultaneamente a través do castigo electoral os levaria a unha reflexión de fondo que para min é imprescindible, mentres continuen convencidos de que os problemas dun son os beneficios do outro continuaran perxudicando a nosa democracia en aras dos seus intereses partidistas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA