Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 03/06/2010
A historia da grande fraude antidemocrática que padecemos desde hai uns vinte anos comeza cando Manuel Fraga chega á presidencia da Xunta en 1989 e ve un grande filón de voto na emigración, nomeadamente na emigración galega asentada en iberoamérica, desde a primeira Xunta de Fraga o número de inscritos no CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes) non deixa de medrar ata o día de hoxe. En 1986 o número de inscritos galegos no CERA era de 67.474 e a 1 de xaneiro de 2010 a cifra ascendía a 348.613.
Nos países onde máis medrou o CERA son precisamente aqueles aos que os galegos deixamos de emigrar hai xa moitos anos, desde logo moito antes dos anos oitenta, polo que ese aumento non ten nengún tipo de correlación cun inexistente feito de que miles e miles de novos galegos fosen a eses países a partir desas datas, sí que garda correlación cunha estratexia moi clara de PP e PSOE desde o poder e criticada polos mesmos partidos cando estaban na oposición.
Aproveitandose das necesidades de índole económica que neses países tiña unha grande parte da comunidade galega e dos seus descendentes viron un filón electoral e un voto facilmente manipulable con algúns subsidios e que non se daba coas mínimas condicións de hixiene democrática, a saber, segundo diversas estimacións calcúlase que arredor dun 30% dos integrantes dese censo están mortos, tamén é sabido que ese voto non se exerce en urna e que ninguén pide identificación ao votante nas distintas oficinas de correos dos paises de residencia, é moi recomendable o documental “Quilombo Electoral” que se pode encontrar no Youtube e onde se ve a axentes electorais que van recollendo os votos polas casas incluindo os votos dos mortos, é dicir, o que poderiamos denominar con claridade e sen vergoña como unha grave burla á democracia e aos cidadáns, ou mesmo como un pucheirazo.
Na historia dos resultados electorais do CERA non hai un só caso onde o partido gobernante perdese as eleccións, mesmo naqueles casos onde no voto dentro do territorio o goberno perdeu, como no 1996 ou no 2004 no CERA gañou igualmente o partido no goberno convocante e polo tanto o partido que podía usar os resortes do estado ao seu servizo para garantir que un voto, na sua maioria descoñecedor do que acontecía no País, e motivado fundamentalmente polas axudas e subsidios estatais votase ao partido no poder. Tanto PP como PSOE que criticaban con duras palabras esa fraude cando estaban na oposición mudaban de opinión cando chegaban ao poder.
Con vinte anos de retraso, como mínimo, parece que agora PP e PSOE están pensando en reformar o voto da emigración e mesmo teñen unha comisión para estudialo, pero é moi probable que o PSOE, que é o que se beneficiaría neste momento, tentará retrasalo o máis posible como xa leva facendo desde que recuperou o poder no 2004. Os emigrantes están indignados coa posibilidade de recorte dos seus dereitos e non lles falta razón porque saben que as axudas que reciben non están motivadas pola solidariedade do seu país de orixe senón polo poder do seu voto, se perden o dereito de sufraxio a perda das axudas non tardaría moito.
PP e PSOE apostaron con irresponsabilidade, no seu día, pola extensión dos dereitos de cidadania mesmo aos netos dos emigrantes, precisamente para nutrir esa apetecible bolsa de voto facilmente manipulable, pero isto agora crea unha enorme contradicción, por un lado, como é posible que un cidadán non poda votar? Pero tamén, como é posible que alguén que nunca pisou o noso país poida decidir quen nos vai gobernar?. Esta gravísima contradicción creada pola irresponsabilidade e falta de escrúpulos democráticos de PP e PSOE non é agora nada fácil de resolver.
Penso que non se lle tiña que ter ofertado a nacionalidade a fillos e netos de galegos máis que a aqueles que efectivamente chegasen ao noso territorio aos que se lles tramitaría no momento da sua chegada e nunca cando permanecían no exterior como se fixo. Porque é certo que resulta pouco presentable restrinxir o voto a un cidadán pero resulta igualmente impresentable repartir cidadanías a persoas que non están aquí, que non teñen intención de vir e que non teñen ningunha vinculación efectiva ainda que si a poida haber afectiva.
Para min unha solución non ideal pero de compromiso a esta fraude antidemocrática comezaría por depurar de forma escrupulosa o censo, tamén creo que os inscritos no CERA non deben votar nas municipais polo seu carácter de eleccións de proximidade nas que o descoñecemento da problemática local e dos candidatos ao meu xuizo inhabilita para emitir un voto co mínimo coñecemento de causa, e para as elecións cun carácter político e ideolóxico máis marcado como as autonómicas, xerais e europeas ao ser moi dificultoso o voto en urna por mor da cantidade das circunscripcións electorais (non é operativo montar 50 urnas nun consulado) implementaria un voto por correo coas mesmas garantías que o voto por correo do interior garantindo a identidade do emisor do voto e que ese voto foi entregado persoalmente na oficina de correos correspondente.