Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 11/06/2010
Se desde un enfoque liberal entendemos que as línguas non teñen dereitos pero si os seus falantes estaremos de acordo en que as institucións democráticas terán que garantir unha igualdade de oportunidades para os falantes das línguas deses territorios, esa igualdade de oportunidades ten necesariamente que partir da base dunha elemental igualdade xurídica entre as línguas.
Portanto duas son as posibles solucións se o que realmente procuramos é a igualdade de oportunidades dos cidadáns independentemente da língua que empreguen; ou ben deixa de ser obrigatorio saber castelán ou ben saber galego pasa a ser obrigatorio, non hai atallos, esas son as duas solucións se o que nos importa é a xustiza e a liberdade. De non ser así o ordenamento xurídico vixente continuará a sancionar a existencia de cidadáns de primeira e de segunda en función da língua que empreguen. Isto atenta contra a liberdade individual e resulta ademáis inxusto, algo que viu, no seu día, o Presidente Fernández Albor e que o levou a propor a inclusión no estatuto do deber de coñecer o galego, foi o PSOE quen, pola contra, defendeu naquela altura a preexistencia de linguas, e portanto de cidadáns que as empregan, de primeira e de segunda.
Os prexuizos soen cabalgar ao lombo dalgún tipo de razonamento, non importa como de débil e arbitrario, no caso da língua vemos como baixo o disfraz pretendidamente racional dunha suposta defensa da liberdade de grupos e persoas que nunca defenderon nen a liberdade para poder usar o idioma que estaba ata hai pouco vetado de todo uso oficial, nen a igualdade de oportunidades entre os falantes das línguas, o que realmente subxace á toma de decisións dos conservadores centralistas é un comportamento preñado de prexuizos de xentes que desprezan o galego e que queren conservar un privilexio inxusto como é poder evitar en Galicia o contacto co galego.
O Partido Popular atrévese a falar de liberdade, cando o que buscan é o fomento dunha ignorancia que os achega aos seus obxectivos políticos de homoxeneización lingüística de España, acabamos de ver hai só uns días, nun informe presentado polo Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta, duas conclusións moi reveladoras, en primeiro lugar como a competencia dos alumnos de secundaria en galego é inferior á competencia en castelán e unha segunda conclusión; que os galego falantes teñen maior competencia nas duas linguas que os castelan falantes.
Se isto é así nun rexime de pretendida imposición do galego, como o vixente ata hoxe segundo grupos sociais da órbita conservadora e centralista, cal é entón a causa de que o PP esté xa volcado nunha política encamiñada a reducir a presenza do galego en todos os ámbitos?, sera quizá a liberdade o que lle preocupa? Sera o enriquecemento lingüístico dos nosos rapaces?. Cando a competencia en galego é máis baixa e os conservadores optan por diminuir a presenza do galego o obxectivo non pode ser outro que a defensa e promoción dos prexuizos, da ignorancia e dos privilexios. Estamos portanto diante dunha agresión á liberdade e á xustiza.
Observase na nosa sociedade con bastante facilidade como pais galegofalantes deciden falarlle aos seus fillos en castelán, eses pais perciben que os seus fillos non terán as mesmas oportunidades falando galego que falando castelán, polo que optan por unha atitude tan racional, na procura das mellores posibilidades para os seus fillos, como contranatura xa que non falar a língua propia aos descendentes non deixa de ser algo que contradi a propia natureza da transmisión da cultura que lles é propia aos pais. É unha obriga de calquera estado democrático a defensa dunhas condicións básicas de igualdade de oportunidades, de xustiza e de liberdade, que eviten que unha parte dos cidadáns se vexan obrigados a renunciar á transmisión interxeracional da sua propia língua na sua propia terra. A actual Xunta, sen embargo, prefire fomentar a ignorancia e a inxustiza.