Por Carlos Vázquez Padín | | 25/06/2010
Gustariame deixar neste artigo, clara e asentada, a miña opinión sobre a función pública e os funcionarios. Quero abordar este tema desde a óptica ideolóxica da democracia liberal que é a ideoloxía que eu defendo ata que alguén me convenza, con argumentos e non cun maletín, de que hai outra mellor.
Penso que ten que haber Estado e polo tanto funcionarios que o atendan, non pido a supresión do estado como quizá poderia facer un anarcocapitalista ou un ácrata. Tampouco pido un Estado que controle todo, como faría un comunista, son partidario dun Estado que garanta o respecto á propiedade privada, o cumprimentos dos contratos, a seguridade interior, a defensa, a igualdade ante a lei, a dotación de infraestruturas e a igualdade de oportunidades, o que implica unha sanidade e un ensino de acceso universal público e/ou privado que garanta a mobilidade social.
A lacra do corporativismo, tan forte no noso País, leva a que case cada inviduo que escoita a máis mínima crítica en referencia ao papel que, o colectivo do que forma parte, xoga no noso sistema político e de gobernación tome esa crítica como se lle mentasen ao pai, e en lugar de facer unha valoración serena do que se di, reaxa como se dunha agresión persoal fose vítima.
É bo que os funcionarios teñan garantido o posto de forma indefinida para evitar que os políticos tivesemos a tentación de andar cambiando a toda a administración cada vez que se produce unha alternancia no poder, sen embargo botase en falta unha inspección eficaz que non convirta esa garantía en patente de corso para incumprir os deberes do posto. O resto de vantaxes que posuen os funcionarios non me queda máis remedio que calificalos de privilexios e como liberal estou en contra dos privilexios, ao contrario que os conservadores e os socialistas, entre estes privilexios que como tal privilexios son inxustos, podemos mencionar o sistema sanitario diferenciado, a exención de pagamento de matrícula na Universidade, as residencias de verán para funcionarios e os seus fillos das que eu disfrutei como fillo de funcionarios, etc.
Os funcionarios son seres humanos como os demáis, hainos de todo tipo, os que aprobaron limpamente unha oposición posuen probablemente máis capacidade de sacrificio e memorística que a media; son seres humanos que están inseridos nun sistema que pouco poden facer para cambiar polo que tampouco son os responsables, polo menos non os únicos, das graves carencias de eficiencia e produtividade da administración pública. Son tamén os políticos de PP, PSOE e BNG os que con actuacións nepotistas, incapacidade organizativa, funcionarización de enchufados, establecemente e crecemento de redes clientelares de voto cautivo a cambio de traballos na administración……contribuen en grande medida a convertir a nosa administración no que é.
O feito de que na administración pública se xogue co diñeiro de todos ou de ninguén concreto fai que a sua eficiencia sexa inferior ao das empresas que están sometidas a un réxime de concorrencia (o que exclue a monopolios, empresas artificialmente sostidas por subsidios, etc) polo que tamén creo que debemos evitar que a administración abranxa máis áreas das arriba mencionadas, porque a falta de eficiencia co se xestiona unha determinada cantidade de diñeiro empobrece a toda a sociedade na proporción desa ineficiencia e do importe desa cantidade. Iso implica a necesidade dunha simplificación e racionalización que pasa, como mínimo, pola supresión de Deputacións, concentración de concellos, reducción de delegacións (non só de delegados) do goberno central e da Xunta, etc. Pola contra hai que garantir unha administración de xustiza que funcione moito mellor que a actual.
Como creo que a produtividade da empresa privada é superior á da administración pública tamén creo que moitos dos individuos extraordinariamente valiosos que hai na administración pública contribuirían moito máis a enriquecer á nosa sociedade como emprendedores que xeran riqueza e emprego que como empregados públicos, a maior academia de oposicións de España está en Ourense, provincia que segundo todos os indicadores de desenvolvemento é das máis atrasadas, este é un fenómeno que tamén se da en Italia, son as zonas do sul, máis pobres polo control social que a mafia exerce as que fornecen de funcionarios á administración italiana, Estado que se sostén coa riqueza que xeran as empresas do emprendedor norte.
O control social asfixiante que exercen as redes clientelares dificultan e desincentivan o emprendedorismo e a xeración de riqueza, iso fai que a administración pública sexa un dos escasos medios de conseguir emprego o que reforza o círculo vicioso do control social e político dos que se alimentan do atraso. Isto só se combate fomentando o espírito emprendedor e reducindo o tamaño da administración, por exemplo Ourense gañaría moito coa supresión dunha Deputación claramente parasitaria que non permite que medre nada ao seu redor para non perder o control e dedicando parte do aforro á creación de infraestruturas e formación e outra parte a baixar os impostos, por exemplo.