Kírote

Foi polo mes de agosto de 1995. Un grupo de mozos e mozas estabamos a escavar no misterioso castro da Torre, en Sobredo, a rentes de Folgoso do Courel.

Por Xurxo Ayán | A Lanzada, Sanxenxo | 17/08/2010

Comparte esta noticia

Unha experiencia única na Terra Brava; polo día aprofundabamos na Galicia romana do ouro, e pola noite baixabamos nun mítico “Land Roble” ás festas noitaregas das parroquias da contorna. Xuventude e leña verde, todo é fume. A fin da escavación coincidira cun evento musical histórico na bisbarra: a actuación de Ana Kiro nas festas á honra dun santo nun lugar que xa non recordo. Cun chisco de cachondeo, os do equipo improvisamos unha pancarta que rezaba algo irreverente do estilo “Os arqueólogos de Sobredo queremos un fillo teu”. Lembro con claridade que a artista o tomou con bo humor e adicounos unha versión sentida do “Cada día máis linda máis linda cada día mellor e mellor”. Durante o concerto, Ana Kiro manexaba como ninguén o público, facendo rir a todo o mundo coas indirectas que lle mandaba ao saxofonista negro cubano da orquestra que a acompañaba. Ana Kiro, os Tonechos e o Partido Popular de Galicia son os grandes intérpretes do peculiar “volkgeist” galaico.

Un ano despois, en 1996, outro simpático grupo de estudantes de Filoloxía e Historia organizaramos unha festa rexionalista decimonónica nun piso do Ensanche compostelán. Alí vivía unha rapaza que fixera un traballo de investigación sobre a imaxe de Galicia verquida nas portadas dos LP de Ana Kiro e nas letras das súas cancións. Como complemento ao estudo, o apartamento acollía unha exposición comentada das carátulas dos seus discos e singles. Este traballo semellaba combinar unha denuncia do enxebrismo folklorista cunha temperá reivindicación da música contemporánea como obxecto de estudo, anticipándose á tendencia revisionista actual cuxo exemplo máis grande é a figura de Andrés Dobarro. De cantante en galego no tardofranquismo trunfando entre a emigración, pasou a ser marxinado da cultura galega oficial que procuraba a Modernidade a toda costa. Tralo esquecemento posterior, serodiamente o seu traballo é reivindicado como un referente artístico da historia deste país. A figura de Ana Kiro inclúese nesa tendencia, malia que con notables diferenzas. Da nada ergueu a súa carreira musical sen apoio oficial ningún, para despois formar parte dese elenco de artistas subvencionados a soldo do fraguismo audiovisual chantado na TVG (de Juan Pardo mellor nin falar).

Ese devalar acompañouse de dous procesos: a minusvaloración da súa arte, tan arredada da avangarda artística na nación galega, e doutra volta o cariño indiscutible de amplos sectores da sociedade galega. Do primeiro fenómeno non debe extrañar que os que antes deturpaban a Ana Kiro agora se erixan en organizadores de homenaxes e edicións de coleccionista, algo propio do sistema cultural de Galicia. Do segundo fenómeno dou fe, ao ser fillo e neto de emigrantes a Catalunya. Teño visto de moi pequeno chorar á miña mai en Barcelona escoitando as cancións rosalianas de Amancio Prada e temas morriñentos de Ana Kiro nun vello reproductor de cassette holandés de cor laranxa. Trovadora da emigración e intérprete de auténticos himnos de verbena de plena actualidade, Ana Kiro é historia viva da música do pobo, ese pobo que moitos eruditos e politicastros seguen vendo coma unha masa anónima formada por bos salvaxes inxenuos e inocentes que esbagoan con letras simples que chegan ao corazón. Iso que xamais acadará ningunha Xunta, ningunha Academia e ningún Partido Patrioteiro.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA