Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 20/08/2010
Segundo a sacrosanta Constitución do 1978 sobre a que non me puiden pronunciar porque tiña cinco anos cando se votou, España é un Estado democrático de dereito; un concepto que designa calquera Estado que se aplica a garantir o respecto das liberdades civis, ou sexa, o respecto polos dereitos humanos e polas liberdades fundamentais através do establecemento dunha proteción xurídica. Nun estado de dereito, as propias autoridades políticas están suxeitas ao respecto da regra de dereito.
Pero unha cousa é o que manifeste a Constitución e outra ben distinta é a realidade que emana da posta en práctica da norma máxima do noso ordenamento xurídico trinta e dous anos despois, penso que é xeralizada a sensación de impunidade ante a xustiza de parte importante da nosa clase política que despreza de forma constante, pola via dos feitos, un suposto imperio da lei con gravísimas deficiencias.
Unha xustiza independente e eficaz é a base dun entorno previsible no que se debe sustentar o desenvolvemento social e económico, con seguridade xurídica, da actividade de cidadáns e empresas; tamén é a base para que os cidadáns, incluindo os cargos públicos, que decidan buscar atallos para o seu enriquecemento persoal de forma ilícita encontren límites ás suas accións. En definitiva unha sociedade sometida ao imperio da lei é unha sociedade que terá posta a base para o seu progreso.
Resulta que España, moi lonxe da autocompracencia e autobombo oficiais, non anda moi ben nen na separación de poderes nen na imparcialidade dos seus tribunais, o think tank canadense Fraser Institute publica con periodicidade anual un informe sobre a liberdade económica no mundo no que analiza a 141 paises en grande cantidade de parámetros entre os que están o da independencia e a imparcialidade xudicial, pois ben, España está no posto 52 en independencia xudicial, xusto detrás de Hungría e diante de Nixeria, nun ranking que encabeza Nova Zelanda seguida de numerosos paises do norte e centro europeo, estamos un chisco mellor en imparcialidade dos tribunais, no lugar 42, xusto detrás da India e xusto diante de Ghana e Belice, nun ranking que encabezan os paises do norte (Dinamarca en primeiro lugar) e centro de Europa e paises como Singapur, Australia, Hong Kong e Nova Zelanda. O informe completo podese consultar na web www.freetheworld.com.
Isto a min non me extraña nada, como tudense podo constatar como na realidade prática da miña cidade o “imperio da lei” non existe cando se consinte que un alcalde que despreza a lei durante tantos anos continue no posto, e estou convicto de que nun dos vinte primeiros paises de calquera dos dous rankings anteriores o alcalde Rocha estaria fora de combate político, a falta de igualdade efectiva ante a lei en España e a forte politización da xustiza fan que ainda poida ter longa vida política, se os votantes llo consinten, mentres tanto somos os contribuintes os que lle pagamos os moitos millares de euros que leva consumidos en avogados, por certo, para quen non o saiba os avogados do alcalde do PP de Andratx, nas Baleares, basearon a sua defensa na sentenza do Tribunal Supremo sobre o caso Beira Miño en Tui.
É unha percepción xeralizada que Ruiz Mateos, Mario Conde ou Jesús Gil, sen ser “hermanitas de la caridad”, non eran peores que moitos outros aos que o sistema político-xudicial español non consideraba ameaza para o status quo e tamén é unha percepción xeralizada para os cidadáns de conciencia democrática que fenómenos de corrupción urbanística praticamente calcados ao de Marbella, ainda que a unha escala cuantitativamente menor, hai varios moito máis perto, o caso de Tui tamén merece unha suspensión do concello, como a que se lle aplicou a Marbella.
Os responsables desta defeita son os que implementaron a Constitución e aplicaron na prática os principios que emanan dela, PP e PSOE, partidos responsables no goberno de España e na oposición nos últimos vinteoito anos son os culpables, os mesmos que se preocuparon de dotar, por exemplo, á facenda pública de todos os medios informáticos, de persoal e de xestión necesarios para financiar a administración pública non consideraron igual de importante que España fose, de verdade, e non só no papel, un Estado de dereito.
Lamentablemente hoxe ninguén se estraña cando escoita barbaridades, que criamos propias de paises subsaharianos cos que de facto competimos en independencia e imparcialidade xudicial, saindo da boca de Mariano Rajoy como: “diga lo que diga la justicia Camps será candidato”, ao PP, como demostra o seu Presidente nesta afirmación, traille sen cuidado o estado de dereito como se encarga de demostrar en cada unha das numerosisímas ocasións nas que ampara a políticos presunta ou demostradamente corruptos do seu partido, como no caso da miña cidade ou no caso do presunto financiamento ilegal do PP, coñecido como trama Gürtel e que toca de cheo ao PP da era de Manuel Fraga através do número dous da trama corrupta, Pablo Crespo, Secretario de Organización do PP en Galicia nos anos 90.