A fin de Eta

O pasado día tres de setembro vimos como a BBC emitia un comunicado da ETA de cesamento do fogo.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 12/09/2010

Comparte esta noticia

Vimos posteriormente unha resposta unánime encabezada polo PNV, que pese a ser a  forza maioritaria do País Basco, foi silenciada polos medios radicados na “vila e corte”, que lle exixe a ETA "declarar de forma unilateral definitiva e verificable o cesamento da sua actividade armada”, tamén o goberno autonómico e o goberno central do PSOE fixeron declaracións na mesma liña, só cabe unha renuncia definitiva á violencia. Aplaudo a decisión do goberno español (apoiado para variar polo PP) e basco de non fraquear e de continuar aprofundando na persecución policial ata que o mundo de Batasuna se convenza de que toca facer política e que non é compatible facer política nunha democracia coas pistolas, tamén concordo con impedirlles presentarse ás eleccións se non condenan de forma tallante a violencia, ainda que isto non debería ser unha decisión política, como é, a través do instrumento do Fiscal Xeral, outro dos exemplos da defectuosísima arquitectura institucional española.

ETA está esgotada, a retirada de Batasuna das institucións mediante a, trapalleira xuridicamente e pouco escrupulosa, pero moi eficaz, lei de partidos cortoulle a sua via de financiamento, están acosados policialmente en España pero tamén en Franza e Portugal, están sen saida e o seu relevo xeracional xa provén da ESO e claro a baixada estrepitosa de nivel tamén se nota, seria curioso saber se o PSOE pretendia acabar coa ETA cando reformou o ensino coa introdución da ESO, de feito penso que podemos estar perante a consecuencia máis positiva do fracaso educativo español. A definitiva derrota dos terroristas ten outro piar fundamental no progresivo rexeitamento por parte da sociedade basca.

Se a ETA é filla da polarización franquismo VS comunismo,  que provoca o rexeitamento do franquismo, a definitiva superación en España e no País Basco dos restos e prexuizos do periodo franquista tamén pasa polo entrada en razon daqueles que preferían outro tipo de ditadura (a do proletariado) á ditadura vixente durante cuarenta anos no noso territorio o que explica a sua obcecación superlativa de continuar absurdamente coa violencia, cando España comezou a instauración dunha democracia liberal na transición, con carencias e limitacións, pero unha democracia ao fin e ao cabo, na que tamén se abriu paso a un autogoberno limitado, pero con moitas posibilidades, incluindo unha facenda propia que xa nos gustaría aos galegos ter, no Estatuto de Guernika e as conseguintes institucións representativas da Comunidade Autonoma Basca.

A arrepiante cortedade de miras da ETA e o seu trasnoitado obxectivo de implantar o socialismo no País Basco levaos a un triste e merecidísimo final, o de ter xerado moita dor e moito sofrimento para nada, ademáis de asasinos son uns analistas políticos pésimos porque o medio que escolleron só os alonxa dunha parte do seu fin, a creación dun estado basco, porque non nos enganemos, non é a pretensión de independencia a que os levou e os fixo perseverar na violencia, é a persecución dun modelo de sociedade totalitario e a fonda intolerancia que se deriva disto, xa que  a creación dun estado propio é un fin que se pode perseguir en calquera democracia que se precie, como fai o SNP en Escocia, o Parti Québécois no Quebec, como fan EA e Aralar no País Basco ou ERC e agora Solidaritat Catalana e Reagrupament en Cataluña, como organizacións abertamente independentistas e moitos membros individuais das organizacións maioritarias das suas respectivas nacionalidades,  PNV e CiU, a grande diferenza é que estas organizacións e persoas son demócratas e os da ETA, ainda que falan moito de democracia, queren dicir en realidade, que teñen que mandar eles para cumprir o seu dogma totalitario, ainda que sexan unha minoria fanática e non admitan o rol que lles corresponde como tal minoria social e electoral.

Espero de veras non equivocarme cando digo que creo que a ETA ten os días contados, o que representa unha grande noticia para todos, para o pobo basco e para o pobo español, para todos os demócratas e para todos os que cremos na democracia e portanto, cremos no dereito á liberdade colectiva dos pobos sen estado que estamos en España, sexa coa formulación que sexa, no meu caso defendendo a formulación dun estado federal español ou preferiblemente europeo no que Galicia esté directamente federada e na que os pobos españois e europeos poidamos convivir en pé de igualdade e non en rexime de subordinación. O fin da ETA representará ademais o fin da retroalimentación dos extremos, o fin da coartada dos que pretenderon, como Aznar, Savater, Mayor Oreja ou Rosa Díez, dunha forma irresponsable e interesada identificar todo o que non fose defender o seu concepto pechado de España e a españolidade co terrorismo.

No que se refire ao noso País compre parabenizar ao BNG por ter roto os seus vínculos con Batasuna a finais dos oitenta pese a compartir idéntica orixe ideolóxica e espero e desexo que aqueles que prestan impagables servizos ás forzas conservadoras e reaccionarias, como son os batasunos galegos, que son poucos pero que perxudican moito a este País servindo de instrumento aos que queren unha Galicia acomplexada e subordinada, se decaten que o método que lles fracasou aos batasunos orixinais por descontado que tampouco lles funcionará a uns imitadores como eles, ademáis de alimentar co seu estremismo o estremismo dos que negan o dereito a escoller o seu estatus xurídico político do noso País. Eu tamén gosto do País Basco, podemos aprender moitas cousas deles pero en pacifismo, é a minoria totalitaria basca a que ten que aprender do pobo galego, ás veces parece que temos unha capacidade excepcional para imitar o peor dos demais renunciando ás nosas mellores características.

Creo nas bondades da globalización económica e política polo que non me parece intelixente, adecuado, nen prático pensar en que un territorio como Galicia teña que ter un estado propio nunha era de crecente interdependencia, o que eu creo que ten que buscar Galicia, sempre a través de métodos democráticos e pacíficos, é participar dese mundo interdependente en pé de igualdade e non no réxime de subordinación permanente ao que nos someten PP e PSOE, aos que conven lembrar tamén que nengún demócrata pode pór límite algún ao dereito democrático de escolla dun pobo a decidir, sen limitacións impostas amiudo con trampas, o seu marco xurídico-político.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA