O morral da moral

A morte de Labordeta deu paso a toda unha manchea de necrolóxicas e panexíricos da man de esgrevios representantes desa xeración que fixo a transición democrática e que copan as editoriais dos principais medios de comunicación deste país.

Por Xurxo Ayán | Santiago | 25/09/2010

Comparte esta noticia

 O fenómeno é digno de ser estudado dende unha perspectiva sociolóxica. Tralo seu falecemento esquécese o trato despectivo brindado por parte desta sociedade nosa cara a un home considerado trasnoitado, desactualizado, tachado en ocasións de cantautor viejuno e cansino. Mesmo xente de a pé consideraba impropio que unha persoa vestida dese xeito, sen garavata, fose membro do Parlamento.

Malia diso, moitas das reacións que se deron estes días post mortem amosan outra vertente do personaxe, a de ser unha excepción anómala no panorama vesánico da política española. Semella que en tempos de crise e de crispación, incluso os políticos necesitan atopar persoeiros que canalicen as súas angueiras de afecto. Labordeta convertido nun lugar común. Xa digo que fan falla sociólogos que analisen o fenómeno, complexo de por si e no que non imos aprofundar por descoñecemento. Agora ben , o que si me interesa moito máis é a faceta divulgadora deste aragonés polifacético, un labor ollado dende o presente cunha perspectiva xeracional.

Os que andamos polo terzo de século e un pouco máis, temos na retina gravadas dúas producións nacidas na televisión única de finais dos 70 e década dos 80. Por unha banda, a incrible “El hombre y la tierra” do amigo Félix, todo un fenómeno mediático orixe e causa da concienciación de moitos e moitas ecoloxistas de hoxendía. Aquela febre naturalista levárame a coleccionar uns fascículos de SALVAT sobre a fauna africana, cos que agasallaban un opúsculo biográfico sobre Félix Rodríguez de la Fuente. Moita gracia me facía aquilo de que nacera nun pobo chamado Cabezón de la Sal. Cousas de nenos. Despois, co tempo, entereime de que co malogrado Félix traballaran os grandes do audiovisual español (guionistas, cámaras, dobradores...) e mesmo documentalistas viaxeiros de prestixio hoxendía. Certamente, a reposición nesta temporada da serie é un agasallo para as novas xeracións. 

Por outra banda, a segunda serie interesante foi aquela de “A vista de pájaro”, onde un percorría sentado no sillón todas as paisaxes de España, guiado por un relato que misturaba folklore, historia, arte, xeografía e anecdotario. Con eses precedentes, Labordeta leva a cabo a experiencia televisiva de “Un país en la mochila”, con reportaxes antolóxicas coas que se adianta á moda do estudo das alcumadas Paisaxes Culturais. Labordeta non só atendía os espazos naturais senón que se achegaba á súa multidimensionalidade como espazos de explotación económica, de relación social e apropiación simbólica. A paisaxe é construída polas persoas ao longo do tempo, unhas xentes tratadas antano e hogano como bos salvaxes, como labregos sen ciencia, como pezas anacrónicas dun decorado. Pola contra, Labordeta, en cada paseo, en cada conversa, en cada viaxe, amosaba a dignidade dos homes, mulleres e nenos que se atopaba no camiño. O seu don de xentes complementábase cunha actitude campechana que fornece confianza, cunha mochila ao lombo que lembra ao fardel do exilado. Unha mochila que outros políticos enchen de cartos e prebendas, mentres que el preferiu usala como laio por un mundo que desaparece. A mochila de Labordeta é unha excelente leción ética para as novas xeracións. A mágoa é que os rapaces das escolas e os institutos, a maioría deles, a única mochila que coñecen é a mochila... de Pocholo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA