Por Galicia Confidencial | Cee | 28/08/2017 | Actualizada ás 11:27
Entre os anos 1980 e 1990 naceron en Galicia unha gran cantidade de asociacións; culturais, de veciños, deportivas, universitarias, de amigos de algo.... A superación do franquismo e a entrada de cheo na democracia –incluída a adhesión a UE--, unida a existencia dun gran número de xente moza fixo que as asociacións se dispararan. Un feito que motivou que practicamente todos os concellos galegos, ademais das grandes administracións, puxeran en marcha políticas dirixidas exclusivamente ao asociacionismo. Pero hoxe a situación é ben diferente e o número de entidades diminúe drásticamente.
E un exemplo desta situación é a Costa da Morte. A falta de relevo xeneracional, a crise económica e os baixos niveis de compromiso son algunhas das causas que están rematando con actividades que levan case 40 anos desenvolvéndose. Tal é o caso da asociación cultural Adro de Baio que se atopa con serias dificultades para a súa continuidade despois de que a directiva, encabezada por Olga Mouro, veña de dimitir e que tras dúas asambleas extraordinarias non se atopara ainda relevo. Esta situación obrígaos a revisar os estatutos da entidade e, no que de que non apareza unha nova directiva, o vindeiro 12 de setembro os máis de 300 socios e socias están convocados nunha asamblea extraordinaria na que se explicarán os pasos a seguir para disolver a asociación.
Periga así unha entidade con 37 anos de historia que no curso pasado contou cunha escola de baile e música tradicional formada por máis de 110 alumnos e alumnas de todas as idades, berce dos Premios Fouciño e cunha boa saúde económica.
Entidades deportivas
Algo parecido lle pasou este verán ao Sporting Zas que no último momento, a anterior directiva, decidiu salvar o equipo. Tiñan claro a súa dimisión, pero a falta de resposta despois de varias asembleas pedindo un relevo, e ante a inminente necesidade de seguir ou non, decidiron in extremis continuar un ano máis. Tamén en clave futbolística, a afección do Unión Club Cee pasou momentos complicados a comezos de verán, vendo a sombra da desaparición do Rei de Copas, pero apareceu unha nova directiva con algunha xente da casa para salvar o barco da vila da Xunqueira.
Temos tamén exemplos de como esmorecen fermosos proxectos no eido da comunicación. É o caso de como sobreviven con enormes dificultades e cero apoio institucional as radios irmandadas da Costa da Morte. A emisora municipal de Corcubión radiONeria –sen apoio do concello desde hai case cinco anos--, e a radio libre de Corme, Radio Roncudo, mantéñense en antena gracias á vontade de media ducia de voluntarios.
Como sobrevivir en tempo de crise
No caso oposto está o concello de Mazaricos, onde asociacións de gandeiros, de amas de casa, e culturais traballan de forma conxunta na dinamización cultural e na defensa dos valores aproveitando a inercia das redes sociais para que as súas convocatorias sexan todo un éxito. Algunha delas son de recente creación, como é o caso de Eu Son Mazaricos, nacida en setembro do 2015 da man dun nutrido grupo de mozas e mozos do concello mazaricán.
Outro exemplo, claro, está no Couto, con esa activa Asociación Monte Branco, que nacía en 1983 e está máis viva que nunca. Non só polas súas propias actividades, senón tamén por todo o que está colleitando despois de levar máis de 30 anos sementando. Tamén a Fundación Eduardo Pondal, o colectivo VdeValarés, as Píllaras das Dunas… verdadeiras referencias culturais da comarca.
Momentos parecidos vivíu o ano pasado a Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda, pero gracias á implicación da mocidade (e gracias ao traballo de canteira durante 36 anos de cultura) a entidade salvouse da desaparición cunha nova directiva tremendamente nova.
Coa colaboración de QPC
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.