O vedel

O Zamorano naceu nunha vila decadente de Sanabria nunha familia de labregos miserentos.

Por Xurxo Ayán | Santiago | 05/10/2010

Comparte esta noticia

Até os nove anos traballou de pastor na serra. Canso dos malos tratos do pai meteuse a conductor dunha desas dilixencias decimonónicas que escoaban polo camiño real de posta en posta deica á capital da provincia. Outro mundo. Alí deulle un troco á súa vida facéndose Garda Civil, non se sabe moi ben como. Mobilizado polo bando nacional, o noso home acabou de heroe na Batalla do Ebro, onde foi ferido de gravidade; evacuado coas tripas fóra, negábase a ser un lexionario enmozado coa Morte. Sobreviviu e recibiu condecoracións, locendo un expediente militar intachable. Quizabes por iso foi elixido para formar parte da garda persoal do flamante Caudillo de España por la gracia de Dios. Nos primeiros corenta foi garante da seguridade do dictador, durmindo aos pés do seu leito como quen di. Estando nestas, a súa querida mai morreu e o destino quixo que a vida lle dese unha segunda reviravolta. Seica aos poucos días dese falecemento, un membro da Guardia Mora, nunha acalorada discusión, chamou ao Zamorano fillo de puta. O noso home sacou de pistola e encasquetoulle un tiro no ventre ao marroquino. Chamado á orde explicoulle o caso ao seu superior, excusando o seu comportamento violento pola recente morte da súa mai. Tras escoitalo, o xefe aceptou a explicación e díxolle moi cerimonioso ao despedirse: “Y la próxima vez, apunte a la cabeza”. Cousas do fascismo. Así e todo, o suceso tivo as súas consecuencias, manchando o seu inmaculado expediente. Foi por iso que o destinaron ao pazo de Meirás, residencia estival do ditador e maila súa muller, Carmen Polo. Na antiga casa da Pardo Bazán tivo lugar a terceira reviravolta do Zamorano. Xa se sabe que a friaxe pacega une moito, e o noso home liouse cunha rapaza do servizo doméstico do pazo. A situación derivou en embarazo e na marcha da muller a Venezuela co seu filliño no colo. A ultracatólica Carmen Polo deu orde de largar ao heroe de guerra a quen aínda lle quedaba un cuarto disparo do destino. O Rexime brindoulle unha terceira e derradeira posibilidade de redención: pasou a formar parte da Policía Secreta na cidade herculina. A súa primeira misión consistiu no seguimento dun grupiño anarquista no que destacaba unha rapaza asturiana amadriñada nada máis e nada menos que pola Pasionaria. O Zamorano namorouse de tan perigosa terrorista e traizoou o Movemento Nacional. Aquilo xa foi demasiado. Mal que ben, algúns contactos permitiron que o heroe adoptase unha nova vida como vedel dun colexio na Coruña, posto no que acabaron moitos Caballeros mutilados e soldados do Exército franquista. O curioso de toda esta historia é que o Zamorano tíñalle unha xenreira enorme a Franco a quen se refería como “o maricón”(cito textualmente). Asemade, declarábase republicano de corazón. O único que non lle gustara da 2ª República seica fóra... a bandeira, demasiado rechamante, disque.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA