Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 13/10/2010
O eléctrico é un sector estratéxico e cunha importancia económica enorme polo que son moi fortes e influintes os diversos actores que traballan por defender os seus intereses empresariais e políticos.
É precisamente no terreno da enerxía, un dos asuntos onde vemos reflexada con máis virulencia a nosa falta de peso político. Todos sabemos que o sol é un recurso, de momento, nada rentable desde o punto de vista económico-enerxético pero que sí é moi rentable á hora de atraer o turismo, sen embargo, e a diferencia da enerxía, ningún político pode redistribuir o sol murciano ou andaluz en función dos seus intereses, só os murcianos se poden aproveitar da cantidade de días soleados que teñen e da riqueza que atrae, é tamén complicado, ainda que xa non imposible, redistribuir outro recurso como o da auga, se de momento ainda non se puxeron en marcha proxectos para levar a auga do norte de España ao sur é porque resulta moi caro, e só son viables, de momento, os transvases entre ríos non moi lonxanos como o Texo – Segura ou o do Ebro.
Sen embargo a enerxía eléctrica é bastante fácil de transportar, digamos que é moi sinxelo producir megavatios en Galicia para que sexan consumidos en Madrid, imaxinemos que os señores do PP ou do PSOE, que son os que ocupan o goberno central desde hai case trinta anos puideran decidir que o 30% do sol murciano lle corresponde a Galicia e que eses cen novos días de sol que o goberno central decidise regalarnos se convertisen en 100 días máis nublados en Murcia, e imaxinemos ademáis que nen os seus cidadáns nen as empresas murcianas recibirían nengunha compensación.
Pois máis ou menos isto é o que nos acontece coa enerxía, o que os distintos gobernos centralistas, da ditadura e da democracia con PP e PSOE decidiron facer cun recurso que se xera en Galicia debido, sacárnolo sen darnos nada a cambio. En Galicia hai moitos ríos e tamén moitos encoros que producen enerxía electrica, tamén hai moitos muiños que fan o propio, en Murcia fai sol, aquí fai vento e chove por iso temos capacidade para producir moita enerxía eléctrica.
Son os nosos ríos como recursos turísticos, pesqueiros e de lecer os que se estragan cos encoros e tamén somos nos os que nos quedamos sen unha adecuada compensación a ese estrago, nos padecemos as externalidades negativas da producción enerxética pero os distintos gobernos nunca pensaron que debían compensar a Galicia polos custos, polas externalidades negativas que o aproveitamento enerxético dos nosos rios ou do noso vento, xa que tamén é evidente que os muiños afean a paisaxe.
O economista inglés de orixe portuguesa David ricardo creou o concepto de vantaxes comparativas, aquilo que permite a un determinado País ser mellor o competir en mellores condicións dentro dun determinado mercado, como territorio temos elementos obxectivos que perxudican o noso desenvolvimento, como a nosa situación periférica en relación ao centro económico europeo, pero nunha cuestión, na que somos excedentarios e que nos debería repercutir nun menor prezo enerxético que compensase, ao menos en parte, a nosa perifericidade xeográfica, non nos dan nen as grazas.
Todos lembraremos o abrazo, case pornográfico, que Núñez Feijóo lle deu a Ignacio Sánchez Galan de Iberdrola na Praza do Obradoiro, á vista de tanta xente, o día da toma de posesión do primeiro como presidente de Galicia, Don Ignacio estaba exultante, e sen ser galego él non o entendo moi ben, eu poreime contento dentro dunhas semanas se Artur Mas é investido president da Generalitat de Cataluña, pero estou seguro que non porei esa cara que poñen os que saben que van facer un gran negocio, Galán reflectia ese día na sua faciana a consciencia de que teria liña directa co poder político de Galicia e que este teria moi en conta os seus intereses, mesmo cando fosen contraditorios cos de Galicia.
En todo aquilo que é determinable politicamente PP e PSOE, incluindo os custos e beneficios da xeración de enerxía, sempre penalizaron e continuarán a penalizar os nosos intereses, non é porque nos teñan nengún tipo de antipatía, é simplemente que cando se trata da fixación de decisións políticas, que sempre deixan gañadores e perdedores, os intereses de Galicia, se é que chega a ter algún defensor dentro desas organizacións, do cal tampouco hai precedente demostrado, sempre sairán perdendo por estruturalmente minoritarios e contraditorios cos centros de poder económicos e políticos de España.
O goberno do PSOE acaba de tomar unha decisión en relación ao carbón moi interesante, é moi interesante porque é moi transparente á hora de probar o anterior e porque permite por de manifesto que o único que motivou ao PSOE na sua decisión, foi o beneficio do PSOE, isto case sempre é así pero neste caso é especialmente transparente, os socialistas ainda a costa de sobrecargar as arcas públicas con máis subsidios para o carbón producido en Asturias e León, ainda a costa de primar o material de xeración de enerxía máis contaminante (o carbón español) dentro do modo máis contaminante en xeral de producción eléctrica (o das térmicas de carbón), método máis contaminante, máis caro e menos produtivo que as centrais de ciclo combinado a gas natural. En definitiva o PSOE gasta diñeiro de todos os contribuintes tendo como resultado unha perda de eficiencia e unha maior contaminación, e todo para que? Para que o lobby sindical socialista de León e de Asturias que apoia ao PSOE estivera contente.
O mesmo goberno que interven antes do 2008 para que as centrais de Meirama e As Pontes sexan reformadas con fortes investimentos para traballar só con carbón de importación, decide dous anos despois inviabilizar esas mesmas centrais, o absurdo elevado á enesima potencia ao servizo dos intereses espureos e egoistas do Partido Socialista Obrero Español, que unha vez máis, e un xa perde a conta, son claramente contrarios aos intereses galegos.
Isto non implica que eu sexa defensor das centrais de Meirama e das Pontes, se temos en conta a eficiencia e a contaminación, como dous criterios decisorios dentro dun determinado mix enerxético, a aposta para ir substituindo as centrais de carbón polas de gas natural, máis eficientes e menos contaminantes parece o lóxico se estamos pensando en máis eficiencia e menos contaminación, se cada un pensamos nos nosos amigotes, como fai o PSOE, a cousa cambia.
Pero que ninguén pense que só os señores do PSOE pagarán os favores e as manias ideolóxicas dos señores do PSOE, o déficit da tarifa eléctrica, é dicir, a diferenza entre o que pagamos cidadáns e empresas pola enerxía e o custo da sua xeración non fai máis que medrar e a finais deste ano o buraco chegará a 14.000 millóns de euros, un dos principais motivos dese enorme buraco, que non fai máis que medrar, foi a aposta inconsciente e desmedida polas enerxías renovables, especialmente pola solar fotovoltaica, ainda terriblemente ineficiente en relación aos seus sustitutivos renovables ou tradicionais neste momento e claro, nos simplemente non somos tan ricos como os alemáns para podernos permitir unha ineficiencia tan forte como esta no noso investimento enerxético.
O mix enerxético é a distinta ponderación das distintas fontes enerxéticas dentro da produción. No proxecto ExternE, realizado pola Comisión Europea, examinaronse as externalidades das cadeas enerxéticas completas. Os seguintes son os resultados do estudio, e que se presentaron como o custe total da produción eléctrica en céntimos de euro por kilovatio-hora: o carbón 7, a eólica 6.2, o petroleo 6, a hidraúlica 4.7, o gas 3.9 e a nuclear 3.5. Dentro do mix enerxético de Galicia as enerxías renovables teñen unha ponderación moi elevada, por un lado é bo, xa que non contaminamos, por outro lado non tanto porque gastamos máis en xerala, o que tarde ou cedo acabará repercutindo negativamente no peto de cidadáns e empresas.
Como criterio estratéxico é fundamental ir prescindindo dunha fonte como o petroleo, xa que todo apunta primeiro cara o seu progresivo encarecemente e despois cara o seu progresivo esgotamento, podo entender que desde as administración se primen as renovables pero creo que compre pór unha serie de condicións, non se pode entregar miles de millóns de euros dos cidadáns porque uns políticos crean cunha fe relixiosa que iso é o que hai que facer, na miña opinión, habería que apoiar aos empresarios que apostasen polo desenvolvemento tecnolóxico das renovables con créditos brandos e subsidiados, creo que se pode e se debe acelerar o investimento en renovables apoiando a quen aposte arriscandose tamén polas renovables e non, como fixo o PSOE, volcando diñeiro de todos os cidadáns en crear unha fortísima marea especulativa a costa de todos nos.
En 2009 Galicia representou o 9% da produción eléctrica de España, a cuarta comunidade en producción, só detrás de Cataluña, Andalucia e Valencia, no que atinxe ao consumo a nosa porcentaxe foi do 7,2 % detrás de Cataluña, Madrid, Andalucia e Valencia. Nós estamos servidos, ou nos compensan polo noso excedente baixandonos o prezo da tarifa eléctrica en Galicia ou non temos porque seguir soportando as externalidades negativas de producir ese excedente para ter que pagar o mesmo pola enerxía que onde son deficitarios por moito que vostede goste de ir alí, non señor Feijóo?