Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/09/2017 | Actualizada ás 10:12
O referendo catalán está provacando numerosas reaccións que tamén teñen consecuencias en Galicia. Algunhas delas, mesma, achegándose a comportamentos alonxados do suposto marco constitucional que din defender, como é tentar erradicar o nacionalismo en Galicia. É a proposta que acaban de facer Unión Progreso e Democracia Galicia (UPyD), Vía Centrum e CCD para evitar que no país tamé aconteza o que en Cataluña, que cualifican como “golpe de estado contra a democracia”.
Nun comunicado conxunto, estas formacións consideran como “excepcionalmente grave” e un “ataque á democracia” a convocatorio dun referendo porque, din, “vulnera o principio de soberanía nacional consagrado na Constitución”. Por iso, ven con preocupación o crecemento do nacionalismo en Galicia. “É o momento de que os demócratas estean unidos e especialmente en Galicia onde partidos nacionalistas tentan infundir odio e desconfianza entre todos os cidadáns”, denuncian.
“Non queremos que ocorra en Galicia o mesmo que en Cataluña, por iso vemos necesario que se tomen as medidas oportunas para frear a aqueles que defenden saltarse a legalidade”, afirman.
Así, o presidente de Centrum, José Luís Méndez, cre que “estamos de novo repetindo a historia no que respecta ao odio e división sementado polos nacionalismos excluíntes e temos que evitar que se importe a Galicia desde outras Comunidades Autónomas”. Pola súa banda, o líder de UPYD ve na colaboración entre partidos “unha mostra do firme compromiso pola democracia e a defensa de Galicia por parte de partidos con moitos puntos en común”.
Por iso, aposta por crear foros de encontro das ideoloxías progresistas non nacionalistas en Galicia xa que “desde hai anos os nacionalistas están a copar espazos da sociedade e difundindo a súa mensaxe do odio baseado na terxiversación, a mentira e a pura emoción. Falta pór máis razón e cabeza á política galega”, indica.
Desde CCD, Carmen Rodríguez Sabin advirte de que “é necesario un cambio”. “Os nacionalismos exacerbados, o único que conseguen é abrir unha fenda social e e provocar un illamento moi pouco favorecedor para a sociedade”, sinala.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.