Maus a terra

O arqueólogo e prehistoriador uruguaio José Luis López Mazz “Pepino” presentou onte en Compostela o documental de Virginia Martínez “Las manos en la tierra” onde se amosa o traballo arqueolóxico desenvolto nos últimos catro anos en cuarteis militares co gallo de atopar restos de desaparecidos durante a ditadura militar (1973-1985).

Por Xurxo Ayán | Santiago | 02/11/2010

Comparte esta noticia

En 2004 o presidente Tavares deu orde ao Exército para que non puxese trabas á investigación arqueóloxica, abríndose por vez primeira os drámaticos espazos da reclusión e da morte. Forman parte dese equipo arqueolóxico alumnos e alumnas da Facultade que deste xeito fan Práticas de Técnicas e Metodoloxías de Escavación. Ninguén lles preguntou a súa filiación política. Todos eles son vixiados durante a realización das sondaxes por un Exército do que forman parte responsables deses asasinatos, xente que forneceu incluso de xeito anónimo pistas falsas sobre a ubicación dos cadavres para despistar. Aparte dos represalidados que foron guindados ao mar, pouco antes de chegar a democracia os asasinos deseñaron a operación Zanahoria para non deixar pistas, removendo os corpos. Tratouse dunha nova fase na invisibilización da masacre, na ocultación intencionada da Verdade. Un caso explica moi ben isto. Un cadavre nunha foxa ao que se lle bota cal. Nun segundo momento, disponse unha plancha de cemento por riba. Nun terceiro intre habilítase un campo de adestramento de tanques. Despois reforéstase con carballos americanos. Finalmente se mete o cazo dunha pá mecánica que deixa a pegada dos dentes na terra. Sucesivos episodios de ocultación promocionados pola ditadura militar. Non valeu de nada. A arqueoloxía deu coa Verdade. A terra ten memoria. Aos 100 días aparece o primeiro corpo dun rapaz torturado e asasinado, o de Ubagesner Chávez Sosa. O afamado equipo arxentino de Antropoloxía Forense fai un impecable traballo de identificación. Un paso de xigante cara á reconciliación nacional e a cura dunhas feridas de hai menos de corenta anos.

“Pepino” é neto dun galego de Ferrol e dunha xudea lituana que fuxiu polo porto de Hamburgo pouco antes da invasión nazi de 1941. Algúns pogroms xa tiveran lugar antes. Os cinco irmáns da súa avoa morreron gaseados en Birkenau. Pepino coñece a inxustiza, primeiro por esta traxedia familiar, e despois polo seu exilio obrigado en Francia tralo golpe militar de 1973. Tivo máis sorte ca Ubagesner Chávez Sosa e outras moitas persoas. El é historia viva do seu país e por iso é consciente da importancia do seu traballo científico, recuperando para a Historia a memoria material tanto dos exterminados indios do Uruguai como dos desaparecidos da ditadura, dous colectivos expulsados da Historia. Neste documental, a responsable do equipo arxentino de Antropoloxía forense pregúntase por que en España se lle ten tanto medo á verdade, cando os asasinatos tiveron lugar hai sete décadas e son os netos e bisnetos quen preguntan polo paradoiro dos seus seres queridos. No coloquio posterior á proxeción do documental, o arqueólogo Alfredo González sinalaba unha triste realidade: “En España hai xente que considera os 250.000 asasinados polo Rexime franquista coma un episodio histórico máis, igual que as carlistadas ou a Guerra da Independencia. En España hai xente que lle parece mal que se procure buscar os restos de García Lorca, o meirande artista e intelectual español do século XX. Maxinades en Inglaterra ou Alemaña que Shakespeare ou Goethe seguisen estrados nunha cuneta ou nunha foxa cun tiro no cránio? Isto di moi pouco da fortaleza dos valores democráticos na sociedade española”. O medo á verdade explica o revisionismo histórico, os suicidios de falanxistas na súa senectude, o pánico que lle entrou aos asasinos no inicio da democracia, o golpe de Estado de 1981 e o antihumanismo dos que negan os feitos e lle negan ás familias dos “rojos” o dereito a saber onde están os seus seres queridos.

Dito isto, os anónimos e cobardes manoliños que tentan apodrecer o GC xa podedes ir trousando o voso medo á verdade, que os demais xa nos puxemos maos á terra, a unha terra inzada de cadavres de inocentes aos que xamais acadaredes agochar co cal vivo da vosa infame xenreira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA