Laxe e Touriño ofrecen consellos e "colaboración" a Caballero para recuperar a Xunta

Touriño critica aos "nacionalistas insolidarios que queren dividir, fragmentar e confrontar" a Cataluña e a España. Ferraz avala a aposta do novo secretario xeral por recuperar a estrutura comarcal do PSdeG en "coexistencia" coa provincial.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2017 | Actualizada ás 19:41

Comparte esta noticia

Os expresidentes socialistas da Xunta, Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño, brindaron este sábado a súa "colaboración" ao recentemente proclamado secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, para abrir "un novo tempo" e recuperar o Goberno galego.

Gonzalo Caballero, Touriño e Laxe no congreso do PSdeG
Gonzalo Caballero, Touriño e Laxe no congreso do PSdeG | Fonte: Europa Press

Na súa intervención ante o plenario, a primeira desde que saíron da Xunta, en primeiro lugar Laxe chamou a seguir a liña de "procura do benestar" e de "defensa dos traballadores" que caracterizan ao seu partido.

Ademais, apelou a "xuntar forzas" para converter de novo ao PSdeG en "referencia", así como a deseñar "alternativas e programas" enfocados a solucionar os problemas dos cidadáns. Con esas claves, chamou a encarar os próximos desafíos, coas eleccións en mente, para lograr "máis alcaldes socialistas".

A partir de aí, o siguente reto serán as xerais e, a continuación, as galegas, de modo que puxo o foco na importancia de que, de novo, o PSOE lidere ambas as administracións. "Gonzalo, contas comigo", finalizou a súa intervención. É a mesma mensaxe coa que empezou Touriño, desde o convencemento de que "se abre un novo tempo" no que "unidade e cohesión" deben ser "os alicerces" do socialismo galego. "Son necesarios, ou non haberá proxecto de futuro", advertiu.

"SUPERAR O LABIRINTO INTERNO"

Nesa idea profundou, para reclamar esa "cohesión" desde "o respecto ao pasado e a aspiración dun mundo mellor". "Hai que pasar páxina e superar o labirinto interno", arengou aos seus compañeiros de filas. Así, defendeu a construción de "un proxecto autónomo", que non sexa "subalterno de ninguén" e que só dependa "dos cidadáns e dos seus militantes". Un partido, ademais, de corte "galeguista" e capaz de ofrecer "alternativas" ao conxunto do país para lograr "progreso" e "unha Galicia aberta e transparente".

Trátase, segundo as súas propias palabras, de "ser a voz e a alternativa" dos mozos que teñen que emigrar, dos parados e os traballadores precarios e das mulleres que sofren discriminación e violencia e "loitan con dignidade pola igualdade".

Con esa idea, a dun partido que "naceu hai 138 anos para loitar contra a escravitude no traballo" e para defender "a igualdade e a solidariedade", o exmandatario socialista concluíu o seu discurso apostando por traballar desde o PSdeG para "pór fin ás mentiras, os recortes e o clientelismo do PP en Galicia".

DEFENSA DA DEMOCRACIA

Tamén tivo palabras en relación co desafio soberanista, para defender "a democracia e a Constitución" nun momento en que "nacionalistas insolidarios queren dividir, fragmentar e confrontar" a Cataluña e a España.

Nese punto, avogou por "ser capaces" de "volver ser xenerosos" para "mellorar" a Carta Magna e lograr un encaixe "de futuro" para os próximos 40 anos.

ESTRUTURA COMARCAL

Por outra banda, o secretario de Organización do PSOE a nivel federal, José Luís Ábalos, ofreceu tamén a "axuda" de Ferraz ao novo líder dos socialistas galegos para o que sexa necesario e, en concreto, referiuse á recuperación da estrutura comarcal do partido en "coexistencia" coa provincial.

E, do mesmo xeito que Touriño, reivindicou o papel do seu partido na construción da rede de benestar existente e do Estado de Dereito aínda que segue "loitando por renovarse" e "mellorar". "Que outro partido o fai?", reflexionou en voz alta, para destacar o seu "orgullo" polo traballo realizado polo PSOE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Reborainasworld

E que dicides disto: http://www.eldiario.es/zonacritica/... Calades non. Ao fin xa tedes novos aliados. Os próximos pactos nos concellos galegos imaxino que os faredes co PP e Ciudadanos. Crin que ti Gonzalo representabas un cambio... Xa vexo que vai quedar en recambio. Pois tede coidado porque para votar políticas de dereita e aliados da dereita ao mellor os vosos votantes non se complican e xa os votan a eles directamente.

3 Cervantes

Beatriz SEstayo tamén se ofrece para seguir vivindo do conto

2 anonimo

Pobre home coma fie en consellos de quen tan pouco exito tivo.

1 Gamela

Podo escribir Auschwitz https://i.gal/gamela13