Como usamos os galegos o infinitivo conxugado?

Unha novidosa investigación tenta comprender a gran variación que existe no uso desta forma en galego nos diferentes contextos sintácticos. Unha forma verbal que producen e aceptan máis os homes que as mulleres.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 02/11/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Cando falamos, sen nos decatar, hai dúas forzas opostas que estamos considerando. Por unha banda, pretendemos ser expresivos, matizar adecuadamente aquilo que estamos a dicir; pola outra, pretendemos ser económicos, expresarnos coa menor cantidade de palabras posibles. Precisamente, o infinitivo conxugado é un acto expresivo, pois explicita o suxeito do infinitivo cando sen el podería non ser evidente.

A profesora Mari Carme Parafita
A profesora Mari Carme Parafita

E, precisamente, o seu uso e os contextos nos que se usa é o motivo dunha novidosa investigación que están a realizar a galega Mari Carme Parafita Couto, da Universidade de Leiden, en colaboración con Michelle Sheehan (Anglia Ruskin, Cambridge) e o seu estudante Jeffrey Blokzijl . O propósito deste estudio é documentar, por primeira vez, o emprego e aceptabilidade do infinitivo conxugado en galego a través dunha novidosa enquisa, baseada en cortes de audio que amosan distintas formas verbais. Ainda que o uso do infinitivo conxugado non é claro, tampouco o material escolar existente axuda ao seu uso. “Chamoume a atención que cando miramos algúns libros de texto para ver que é o que os rapaces aprenden, non se fala para nada dos contextos nos que se usa”, suliña a GC Parafita Couto.

O estudo, ademais, tenta constatar como o uso desta forma verbal é común entre os galegofalantes e máis difícil entre os neofalantes ou os que aprenden o galego na escola pero non o usan. “O que queremos é entender a grande variación que observamos no uso do infinitivo conxugado en galego en diferentes contextos sintácticos, comparándoo co uso da mesma estructura no portugués europeo e tamén no portugués brasileriro”, indica a investigadora.

Polo de agora, o que están comprobando é que se están expandindo os contextos nos que se usa o infinitivo conxugado en galego. Nos datos preliminares, Parafita Couto destaca que os homes producen (corpus corilga) e aceptan (na enquisa) o infinitivo conxugado moito máis que as mulleres. O estudo segue aberto. Por iso, a investigadora convida a quen queira a participar cubrindo esta enquisa

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Uxía Casal Silva.

Contén erros que non se poden dar por válidos. Erros que non teñen que ver co infinitivo. Ademais, non se entende nada ben.

1 M.C. Parafita Couto

Graciñas por participar, Uxía. Estamos tentando ver os ¨límites¨ do sistema gramatical. Na enquisa haberá cousas que non se entendan moi ben ou que teñan erros. Eses casos tamén nos interesan porque pode haber moita variación. Graciñas de novo!

1 Escoitador

Outro fenómeno que esta a desaparecer é o uso do "e paragóxico", falare, tractore, calore, é unha magoa porque da moita personalidade ó galego.