Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/11/2017 | Actualizada ás 14:53
O coro Cantares de Brión vén de publicar un vídeo musical no que canta á Galicia arrasada pola vaga de incendios deste mes de outubro. Unha canción cos 'Poemas ó Outono' (1977) de Manuel María —homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016—, con música de Luís Correa e arranxos de Pablo Rial.
O vídeo musical mostra as devastadoras imaxes dunha terra calcinada, pero tamén abre ao final unha fiestra de esperanza, aos novos xermolos para restaurar a Galicia verde.
Esta é a letra do poema de Manuel María e o vídeo:
Veleiquí, Outono, grande e puro,
vestindo ao mundo de dourado,
con saibo a mosto fermentado,
a mazá, a sal, a grao maduro.
Veleiquí, Outono, nel procuro
o rumor do vento namorado,
o laio do mar ben concertado
e o misterio máis escuro.
Veleiquí, Outono, fosco e ledo,
con brasas secretas, soedosas,
acenas nas brétemas do medo.
Veleiquí, Outono, xa sen rosas,
sementando mágoas misteriosas
no meu corazón ceibe e acedo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.