Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2017 | Actualizada ás 14:56
Centos de alumnos saíron á rúa en toda Galicia para esixir a derrogación definitiva da lei orgánica de mellora da calidade educativa (Lomce) e o impulso dunha lei galega de educación, como alternativa aos traballos realizados na subcomisión do Congreso para lograr o pacto educativo.
Estas protestas celebráronse nas principais cidades galegas no marco dunha xornada de folga, que se estendeu desde secundaria até a universidade, convocada polo sindicato de estudantes Erguer, e que contou co apoio da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.
En Santiago a manifestación saíu da Alameda pasadas as 12,30 horas, onde decenas de alumnos coreaban consignas após unha pancarta co lema 'Nin Lomce, nin pacto entre elites. Por unha lei galega de educación'.
Xusto detrás da cabeza da marcha, diversos portavoces da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público portaban a súa propia pancarta, onde se puido ver a representantes do BNG como Xosé Luís Rivas 'Mini', Montse Prado e Rubén Cela ou da CIG-Ensino, como o secretario nacional Suso Bermello.
En declaracións aos medios, a responsable de Erguer, Iria Figueroa, cifrou en preto do 90 por cento o apoio ao paro, destacando as aulas "bastante baleiras" na maioría de facultades de Compostela.
Por iso, destacou a "vontade" de mobilización do alumnado para "reclamar un cambio" no sistema educativo, nun momento no que o debate "está totalmente desterrado" após a suspensión das 'reválidas' na tamén chamada 'Lei Wert'.
Así, e fronte á parálise da subcomisión do Congreso para o pacto educativo, Erguer demanda unha lei galega de Educación que se sitúe como "alternativa" na que a comunidade escolar "teña voz", cun enfoque "máis pedagóxico" e reforzando a avaliación continua.
Suso Bermello, pola súa banda, criticou a "complicidade" da oposición no Estado co goberno do PP para "aplicar de facto" a Lomce, "falseando un debate ao redor da súa paralización". "Está plenamente vixente salvo o que ten que ver coas 'reválidas'".
Por parte do BNG, Xosé Luís Rivas 'Mini' lembrou que a Lomce, "unha lei regresiva", segue "estando aí", aplicándose en todo o Estado, e avogou por unha normativa propia que atenda as "singularidades" de Galicia, aproveitando as competencias autonómicas.
PROBLEMA "DE MODELO"
A protesta percorreu a rúa da Senra e bordeou a Praza de Galicia para penetrarse na zona urbana da capital galega e regresar a través do Hórreo ao casco antigo. Durante a marcha escoitáronse consignas tanto contra a Lomce como contra o decreto '3+2', unha das principais reivindicacións do alumnado.
A comitiva finalizou na praza de Praterías, onde varios alumnos leron un manifesto no que reiteraron a súa demanda dunha lei galega fronte unha Lomce "que pasa sen pena nin gloria", lembrando que os traballos do pacto educativo estatal non atenden o problema desta norma, que é "de fondo" e "de modelo".
Ademais de en Santiago, o sindicato Erguer convocaba protestas en Ferrol, A Coruña, Melide, Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo, Lalín, Vilagarcía, Cangas e Moaña .
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.