A fraude a grande escala de Pescanova puido detectarse antes do seu colapso

Un estudo dos departamentos de Economía do IESIDE e da Universidad de Almería demostra que a multinacional galega xa mostraba unha "propensión significativa a cometer fraudes e prácticas contables agresivas nos anos previos ao seu colapso".

Por Galicia Confidencial | Vigo | 13/12/2017 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A fraude a grande escala en Pescanova e o seu colapso en 2013 puideron ser detectados e evitados nos anos previos. Que sucedeu entón para que, ante as evidencias de prácticas de xestión fraudulentas, contabilidade oculta e falta de crédito, non se activasen protocolos para corrixir esta situación por parte da Comisión Nacional del Mercado de Valores (CNMV) e outros organismos? Economistas da Universidad de Almería e do Instituto de Educación Superior Intercontinental de la Empresa (IESIDE) de Afundación veñen de presentar un estudo cuxos achados "revelan unha propensión significativa a cometer fraudes e prácticas contables agresivas de Pescanova nos anos previos ao seu colapso". 

Pescanova
Pescanova | Fonte: Europa Press.

Alicia Ramírez Orellana e María J. Martínez Romero, da Universidade de Almería, e Teresa Marino Garrido, do IESIDE en Vigo, son as autoras deste estudo, cuxo obxectivo foi estimar a probabilidade de fraude e de manipulación de beneficios en Pescanova. Os resultados son clarificadores: "Revelan que Pescanova presentaba propensión a cometer fraude e que levou a cabo prácticas contables agresivas, antes de revelar os seus problemas financeiros", conclúen.

O estudo evidencia que "Pescanova levou a cabo prácticas contables agresivas mediante a manipulación de índices como vendas diarias sobre contas por cobrar e devengos totais sobre activos totais". Ademais, "achégase evidencia empírica de que o índice de crecemento de vendas e o índice de endebedamento están aliñados co informe reportado pola administración concursal".

A principal contribución deste traballo, din as autoras, "é a demostración da validez do modelo para o caso Pescanova", para o cal se aplicou o modelo Beneish, co que se detectou o "comportamento fraudulento da empresa, nos anos previos ao seu colapso".

O modelo Beneish, coñecido como Beneish M-Score en inglés, é un modelo estatístico que utiliza cocientes financeiros, calculados coa información contable dunha compañía especifica, co obxectivo de comprobar a posibilidade (cunha alta probabilidade) de que os ingresos da compañía fosen manipulados, puntuando a posibilidade de fraude.

Folga do persoal de Pescanova
Folga do persoal de Pescanova

O Beneish M-Score foi aplicado aos informes financieros de Pescanova co fin de verificar se a fraude cometida por esta empresa puido ter sido detectada antes do seu colapso. Os resultados son concluíntes: "Os nosos achados revelan unha propensión significativa a cometer fraudes e prácticas contables agresivas de Pescanova nos anos previos ao seu colapso. Os informes da xunta corporativa posterior á creba revelan os mesmos resultados que os ofrecidos polo modelo Beneish. Estes resultados poden explicarse á luz da teoría de axencia (Jensen e Meckling, 1976) sobre se as empresas sen separación de propiedade e control teñen máis probabilidades de estar involucradas na administración de ganancias e comportamentos fraudulentos que as súas contrapartes con separación de propiedade e control", explican as economistas autoras deste traballo.

O período cuberto da investigación foi de catro anos, desde 2007 até 2011, tempo que se considerou "o suficientemente significativo como para revelar as prácticas de manipulación de Pescanova".

SÍNTOMAS DA FRAUDE 

As cifras principais mostraron un forte crecemento no período 2007-2011: a facturación aumentou un 8,7%, o EBITDA (beneficio antes de intereses, impostos, depreciacións e amortizacións) aumentou un 15,8% e a ganancia consolidada despois de impostos aumentou un 21,5%, detalláse na investigación.

A expansión comercial de Pescanova significou máis de 830 millóns de euros desde 2007 en investimentos, a metade no período 2007-2010 e a outra metade en 2011 e 2012. Eses investimentos destináronse principalmente ao negocio acuícola e 379 millóns de euros a desenvolver a produción de lagostino vannemi en Ecuador e América Central; 186 millóns de euros investidos na cría de salmóns no Cono Sur; e 230 millóns de euros investidos no cultivo de rodaballo en Portugal e España, segundo as cifras aportadas neste estudo.

Isto foi acompañado por un aumento no valor das accións da empresa no mercado, o que "reflicte as altas expectativas de crecemento" que existían. "Pero a situación se fixo cada vez máis difícil" e "o 28 de febreiro de 2013 a CNMV, de acordo co artigo 85 da Lei do Mercado de Valores, solicitou a Pescanova os seus informes financeiros de 2012 canto antes". O regulador tamén esixiu á empresa información adicional sobre os seus balances, condicións da débeda e débedas vencidas e non pagadas.

As autoras do estudo lembran que "Pescanova, consciente da imposibilidade de enviar esta información ao regulador no curto prazo, recoñeceu á CNMV que xurdiran algunhas diferenzas entre as súas débedas contables e bancarias" e que "o seu auditor, BDO Auditores S.L., xa as estaba verificando para corrixilas canto antes".

A CNMV e os auditores realizaron investigacións que permitiron aclarar a verdadeira situación da empresa. Así, en abril de 2013, a dirección de Pescanova fixo público que a empresa presentara a creba voluntaria, suspendendo a cotización das súas accións.

Xa en decembro de 2013, debido a unha auditoría forense realizada por KPMG, a nova administración concursal de Pescanova, Deloitte, solicitou revisar e reelaborar os informes financeiros de 2011 e revelaría despois que a contabilidade da empresa galega presentaba unha serie de erros e irregularidades contables, como o ocultamento de débeda financeira, compra e venda con empresas instrumentais ou a non contabilización de gastos financeiros, como se describe neste estudo.

Neste sentido, "unha contribución crítica ao noso estudo de caso revela que a creba se produciu debido a unha combinación dunha toma de decisións internas relativas ao crecemento da empresa a través de novos proxectos de investimento, cando os eventos externos non eran favorables, por exemplo, pola diminución do crédito bancario debido á crise financeira mundial", explican as economistas.

Ao mesmo tempo, recordan, iniciouse un proceso xudicial no que o maxistrado  Audiencia Nacional Pablo Ruz impuxo fianzas que sumaron 1.200 millóns de euros en concepto de responsabilidade civil a unha decena de altos cargos de Pescanova —incluído o seu presidente, Manuel Fernández de Sousa— e a seis sociedades ligadas ao grupo.

Ademais, a Audiencia Nacional admitiu a trámite parcialmente a querela presentada por Silicon Metals Holdins (pertencente ao grupo Cartesian Capital Group) contra a auditora BDO e o seu socio auditor Santiago Sañé, sociedade que asegurou sufrir un prexuízo patrimonial de 23,31 millóns de euros.

Esta fraude a grande escala, conclúen as autoras do estudo, teríase detectado con anterioridade se se tivese aplicado o modelo Beneish M-Score para previr estados financeiros fraudulentos coma o deste caso.  

O estudo vén de publicarse na revista European Journal of Family Business co título 'Measuring fraud and earnings management by a case of study: Evidence from an international family business' ('Detección de fraude e de manipulación de beneficios a través dun caso de estudo: evidencia dunha empresa familiar internacional'). 

Sede do grupo Pescanova en Chapela, Redondela
Sede do grupo Pescanova en Chapela, Redondela
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

A culpa é de Puchedemon e de Putin. Vivimos no mellor dos mundos posibles.

1 marijuano o sobre sueldos

din que era empresa do partido putrefacto do pepeiro, por onde pasan arrasan, e timo piramidal e timo da estampita...