Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/11/2017 | Actualizada ás 15:13
Unha nova simulación creada por científicos no Goddard Space Flight Center da NASA en Greenbelt, Maryland, revela o lonxe que poden voar partículas de aerosois cos ventos. A animación, creada con supercomputadoras, revela como as correntes de aire varreron os aerosois ao redor do planeta desde o 1 de agosto de 2017 ata o 1 de novembro de 2017. Nela obsérvase o efecto combinado do furacán 'Ophelia', a vaga de incendios en Galicia e Portugal e o po do Sáhara en suspensión.
Esta complexa, e tamén fermosa e hipnótica, simulación realizouse con física avanzada e un algoritmo climático de última xeración coñecido como FV3 para representar en alta resolución as interaccións físicas de aerosois con tormentas ou outros patróns climáticos a escala global. Usando datos recollidos dos satélites de observación da Terra da NASA, móstrase como o sal mariño (en azul) enganchado polos ventos que atravesan a superficie do océano vese arrastrado polos furacáns 'Harvey', 'Irma', 'Jose' e 'María', revelando os seus camiños mortais.
Tamén os restos de cinzas e fume (gris) de incendios no noroeste de Estados Unidos se desprazan cara ao leste deste país, mentres que o po sahariano (en marrón) se despraza cara ao oeste a través do Océano Atlántico ata o Golfo de México.
A visualización mostra tamén como o furacán 'Ophelia' se formou preto de África, atraendo po sahariano e fume dos incendios forestais de Portugal e Galicia, transportando as partículas a Irlanda, Reino Unido e parte de Francia.
A partir do minuto 1:30 pódese observar a evolución de 'Ophelia', que se achegou até a Península Ibérica a medidados de outubro, coincidindo este fenómeno coa vaga de incendios que asolou Galicia e Portugal e unha densa capa de po do Sáhara. Tres fenómenos que, combinados, tinguiron de laranxa os ceos de parte de Francia e illas británicas durante aqueles días, ao ser empurradas as cinzas dos lumes e o po sahariano cara ao norte polos fortes ventos do furacán.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.