Haberá transvasamento desde o río Verdugo para paliar a seca na comarca de Vigo

O Concello vigués asumirá o custo desta obra, uns 5,4 millóns de euros.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 27/11/2017 | Actualizada ás 20:24

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia e os concellos da comarca de Vigo que se abastecen do encoro de Eiras acordaron a construción dunha condución desde o río Verdugo cun sistema de bombeo para alimentar o encoro e manter o seu volume de auga, como medida de emerxencia ante a situación de seca.

Espazo natural da Freixa, en Ponteareas, onde o concello actuou para evitar o corte de subministro de auga ante a seca
Espazo natural da Freixa, en Ponteareas, onde o concello actuou para evitar o corte de subministro de auga ante a seca | Fonte: Concello de Ponteareas

Así o confirmou o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, após manter unha reunión con representantes políticos e técnicos dos municipios afectados. Segundo sinalou, das alternativas baralladas, optouse pola construción dunha captación de auga do río Verdugo á altura do salto hidroeléctrico de Laforet (no municipio de Pontecaldelas).

Para iso instalarase un sistema de bombeo que permita levar a auga por unha condución duns 6 quilómetros até a presa de Eiras (unha achega adicional duns 350 l/s), coa finalidade, non tanto de aumentar o volume encorado, senón para evitar que este siga diminuíndo.

Roberto Rodríguez explicou que o Concello de Vigo asumirá o custo desta obra, uns 5,4 millóns de euros, dado que "é competencia municipal" garantir a subministración de auga ao sistema de abastecemento en alta. No entanto, precisou, a Xunta está "en disposición de colaborar financieiramente".

EXECUCIÓN POLA VÍA DE EMERXENCIA

A partir de aí, o goberno municipal vigués deberá decidir se executa os traballos directamente ou se cede a execución á administración autonómica, que os tramitaría pola vía de emerxencia para axilizar os prazos. "Esta obra tívose que planificar e executar con antelación, pero o Concello de Vigo non o fixo", apostilou.

O prazo de execución dos traballos é duns tres meses, pero dado que "se van a pór todos os medios", poderase traballar en varios tramos simultaneamente, e farase en xornadas de 24 horas (incluídos festivos), con prazos que poderían acurtarse.

REDUCIÓN DE CONSUMO

Por outra banda, Roberto Rodríguez precisou que a actual situación de seca non se liquidará só con esta actuación de emerxencia, senón que seguen sendo precisas outras medidas para reducir o consumo de auga.

A ese respecto, e en relación coa petición de que se reduza o caudal ecolóxico de Eiras até os 150 l/s, o director de Augas de Galicia sinalou que a administración aínda segue solicitando os informes de aforro de auga dos diferentes concellos. En todo caso, incidiu, a decisión será adoptada en próximos días, segundo criterio dos técnicos.

ABEL CABALLERO

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, instou a iniciar a obra "canto antes", e expresou o seu acordo coa elección da condución desde o salto Laforet. Así, recoñeceu que, aínda que o trazado é máis longo, ten a "gran vantaxe" de que o bombeo necesario é mínimo, porque actúa a gravidade, e afórranse custos enerxéticos.

Con respecto á execución das obras, explicou que a Xunta remitirá ao Concello un borrador do convenio para a súa execución, e precisou que Vigo asumirá "os custos que non asuman outras administracións".

"Se algunha administración abandona a traída de augas e non coopera, asumirao Vigo, pero quedará claro que non queren cooperar e que Vigo se ten que facer cargo do custo dunha obra desta envergadura", sentenciou, e prometeu que o Concello vai dar "todas as facilidades", porque non quere que a obra se atrase "nin un só día".

Acerca da súa petición de reducir o caudal ecolóxico de Eiras, indicou que haberá resposta da administración galega "en dúas ou tres días, que xa son moitos", porque Vigo e outros municipios xa trasladaron á Xunta que están a levar a cabo importantes aforros no consumo. "A día de hoxe, estamos a tirar ao mar a cuarta parte do consumo diario de auga que fai a cidade", lamentou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Agencias

O eventual trasvase de auga desde o río Verdugo a Vigo, atopouse coa "rotunda oposición" por parte de Ponte Caldelas. Ponte Caldelas lembra que dispón dunha captación de auga para bombeo e subministración urbano no propio río Verdugo, polo que unha hipotética redución do seu caudal "afectaría a subministración urbana". Engaden que tamén afectaría o barranco do Verdugo, un lugar de "gran valor" paisaxístico que achega "importantes" recursos e valores turísticos a este municipio pontevedrés. Calquera trasvase desde o Verdugo, de darse o caso, tería que realizarse cunha infraestrutura "provisional" e sempre "augas abaixo" da central eléctrica de Laforet, para non comprometer o caudal de auga que chega ao municipio. O Concello advirte que a instalación de calquera estrutura "permanente" para efectuar o trasvase de auga provocará a adaptación das medidas administrativas e xudiciais "que correspondan".

1 Caldelao

Ano negro para a conca do río Verdugo, nacente da ría de Vigo. Primeiro a vaga de lumes, e agora a plaga do Caballero e do Feijóo. Agardemos que non se perpetre este atentado ecolóxico. O Concello de Ponte Caldelas xa anunciou a súa oposición e a interposición de recursos xudiciais contra esa medida, Se hai seca, aforremos auga. Vigo tamén.