Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/12/2017 | Actualizada ás 12:02
A débeda pública de Galicia baixou un 1,99% no terceiro trimestre do ano en relación co segundo, ao pasar de 11.363 a 11.137 millóns de euros. Con todo, a contía é un 4,83% superior á do mesmo período do ano anterior, de acordo cos datos que publica este venres o Banco de España. Deste xeito, a débeda pública galega representa o 18,6% do produto interior bruto (PIB) do país, cando estaba no 19,2% no segundo trimestre e no 18,4% no terceiro de 2016.
En canto á débeda das empresas públicas non incluídas no sector administracións públicas, a Galicia correspóndelle un importe de 17 millóns, que se mantén con respecto ao anterior trimestre e supón catro menos que os 21 que había no terceiro trimestre do pasado exercicio.
Pola súa banda, a Xunta, a través da Consellería de Facenda, reivindicou que Galicia "se consolida" con estas cifras entre as autonomías con menos endebedamento, após baixar en 226 millóns.
Termina o trimestre así como a quinta comunidade con menor cociente de débeda/PIB (o 18,6%), que baixa seis décimas en comparación intertrimestral.
A media autonómica, segundo destaca Facenda, baixou menos no mesmo período --catro décimas-- e situouse no 24,7%. "Isto supón que o diferencial positivo de Galicia respecto da media autonómica segue crecendo e xa é de máis de seis puntos, cando en 2008 este indicador estaba igualado á media", subliña.
En volume absoluto, a consellería sinala que a débeda pública das comunidades autónomas se situou ao peche do terceiro trimestre en 248.407 millóns, e que a cantidade de Galicia representa o 3,91% do total (os 11.137 millóns de euros).
"Os datos oficiais do Banco de España ratifican que a débeda da Administración galega está totalmente estabilizada desde finais do exercicio 2014, e a previsión da Xunta é que Galicia termine o ano 2017 sen incrementar o seu endebedamento", resalta.
"LÍDER EN CONTROL"
A maiores, a Xunta eríxese en "líder" e "referencia" no control da débeda pública desde o ano 2009. No período 2009-2016, expón, foi a que menos aumentou o seu volume de débeda, cun ritmo de incremento anual que cifra no 17,6%, fronte ao 28,5% da media e algunhas autonomías crecendo a máis do 40%.
"O control da débeda pública é unha das bases do modelo de crecemento san que defende a Xunta e é froito da progresiva redución do déficit", incide. "Este mellor comportamento respecto da media autonómica permitiu a Galicia evitar a emisión duns 3.600 millóns de euros de débeda pública, cun aforro anual en intereses da débeda duns 85 millóns", conclúe.
A DÉBEDA TRIPLICOUSE CO GOBERNO DE FEIJÓO
O certo é que, como publicou Galicia Confidencial, ata 2009, ano da primeira vitoria do PP de Alberto Núñez Feijóo, a débeda pública de Galicia sempre estivera por baixo dos 4.000 millóns de euros. Dende entón, e malia a contención dos últimos exercicios para cumprir cos obxectivos de déficit impostos polo Goberno central, a débeda da Xunta non fai máis que medrar ano a ano. De feito, no 2018 marcará un novo récord histórico: 11.515 millóns, segundo se recolle no proxecto de orzamentos presentado pola Consellería de Facenda.
Deste xeito, durante case unha década de Goberno de Feijóo, a débeda pública de Galicia case triplica a súa contía: dende os 3.923 cos que o líder do PP galego asumiu a presidencia en marzo do 2009 (un exercicio compartido co anterior Goberno bipartito), pasando polos 7.381 millóns cos que rematou a primeira lexislatura ou os 10.375 de finais do 2016, ata os 11.137 millóns actuais, segundo os datos publicados polo Banco de España.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.