Por Galicia Confidencial | Vigo | 22/01/2018 | Actualizada ás 18:46
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade destinou en 2017 un total de 6.000 euros á provisión de alimentos para a poboación refuxiada saharauí dos campamentos de Tinduf, en Alxeria. A devandita axuda humanitaria facilitóuselle á asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps), que á súa vez a canalizou a través das autoridades locais e da Media Lúa Vermella, que realizou a distribución segundo criterios de necesidade e urxencia.
Unha axuda que, aínda que limitada, axudou para paliar o esgotamento das reservas de alimentos básicos, especialmente azucre e arroz. De feito, isto obrigou ao Programa Mundial de Alimentos a reducir nun 20% as racións mensuais destinadas á poboación xa a mediados de ano. Ao tempo que minguaron os alimentos frescos dispoñibles, tamén se acabaron os produtos micronutrintes, dirixidos a loitar contra a malnutrición e a anemia, poñendo en risco a 220.000 mulleres e nenos afectados por estas doenzas. Xerouse así unha grave crise alimentaria, que coincidiu co aumento das temperaturas, de aí o chamamento á comunidade internacional para incrementar as doazóns.
O Fondo Galego, tal e como indica nun comunicado, colaborou en varias ocasións con Sogaps para mellorar as condicións de vida das refuxiadas e refuxiados do Sáhara, principalmente en materia de sanidade e alimentación. A última foi en 2016, cando se cofinanciou con 10.000 euros a reconstrución dun centro sanitario que fora derrubado polas intensas chuvias do ano anterior.
Estas accións súmanse a outras axudas a distintas poboacións refuxiadas, como a palestina ou a siria, con accións de emerxencia e declaracións institucionais nas que reclamaba medidas ás altas instancias políticas para atallar as verdadeiras causas do problema, en cuxo cerne están os intereses xeopolíticos dos países máis poderosos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.