Unha nova web axudará aos profesores a explicar o Entroido a través dos Bolechas

O novo sitio web inclúe contido teórico, xogos e actividades, vídeos e descarga de material para coñecer todo sobre o Entroido galego.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/02/2018 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

Os Bolechas veñen de pór en marcha unha nova iniciativa relacionada co Entroido. Trátase dunha páxina web á que se pode acceder na dirección osbolechas.gal/Entroido na que se inclúe diverso material para divertirse aprendendo todo sobre o Entroido.

Unha das imaxes dos bolechas
Unha das imaxes dos bolechas

Dirixido á cativada de educación infantil e primaria, o novo espazo web inclúe unha Unidade Didáctica sobre o carnaval galego: as súas diferentes manifestacións, máscaras, tradicións… Ademais está accesible na propia web ou pode descargarse en formato pdf no apartado “Descargas” e traballalo na aula ou na casa durante estas pequenas vacacións de Entroido, ao igual que o Caderno de Actividades, onde nenas e nenos poderán poñer a proba os seus coñecementos mediante divertidos xogos e actividades.

Ademais da Unidade Didáctica e o Caderno de Actividades, no apartado “Descargas” inclúense recortables relacionados co carnaval para que cada nena ou neno personalice o seu disfrace ao tempo que promove a súa creatividade e o traballo manual. E mesmo pode atopar fichas con receitas de pratos típicos do Entroido galego para coñecer todos os aspectos relacionados con estas festas.

“BraulioTuber”

Outro dos apartados da nova web dos Bolechas é “BraulioTuber”, onde se pode acceder aos vídeos realizados por Braulio en diferentes colexios galegos explicando como viven estas festas, as tradicións de cada zona etc.

CONCURSO

E para seguir coñecendo o Entroido galego, este ano os Bolechas propoñen unha iniciativa dirixida aos centros escolares. Cada mestra ou mestre debe contar brevemente o que fixo este ano na súa clase en relación ao Entroido. Tan só hai que ir ao apartado “Participa” do web e contar o traballo realizado na aula (proxectos, murais, traballos en grupo, actuacións, talleres, temática elixida para o disfrace etc.) explicando brevemente o obxectivo e a execución do traballo e achegar unha foto representativa do proxecto.

Entre todos os proxectos que se presenten cada día farase un sorteo e os dous que saian dese sorteo publicaranse na web e recibirán unha chea de premios, tanto para a clase como para cada alumna e alumno. Deste xeito, Os Bolechas queren manter aberta e activa esa canle directa co mundo escolar e mostrar o importante labor de quen está formando as futuras galegas e galegos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta