Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/02/2018 | Actualizada ás 14:08
550.000 euros, IVE incluído. Iso é o custe dunha nova campaña da Consellería de Política Social da Xunta para facer propaganda só nos grandes grupos mediáticos de Galicia sobre os servizos sociais, asistenciais e sanitarios que lles ofrece aos maiores, entre eles, programas como “Os Maiores Activos” e a difusión doutros “servizos, recursos e prestacións que Xunta ten a súa disposición”. Unhas axudas aos medios que chegan cando máis se intensifican as protestas polo caos na sanidade pública.
No prego de condicións deste concurso figura expresamente que a campaña publicitaria nos medios de comunicacion ten coma finalidade “promover o envellecemento activo das persoas maiores mediante a saúde e a participación proactiva na sociedade civil mediante toda clase de actividades culturais, educativas, de voluntariado, de ocio e tempo libre...)”.
Ademais, aposta por “dar a coñecer e informar ás persoas maiores sobre o catálogo de programas, servizos, recursos e perestacións que a Xunta de Galicia ten para atender as súas diversas necesidades e demandas” e “difundir a información relativa ós programas, servizos, recursos e prestacións que a Xunta ten, de maneira singular para as persoas maiores en situación de dependencia ou con discapcidade”.
MOBILIZACIÓNS CIDADÁNS
Un paquete publicitario que chega, ademais, nun momento de gran contestación social ante os graves problemas que están tendo servizos públicos esenciais como a Sanidade ou os servizos sociais, con manifestacións convocadas por plataformas como SOS Sanidade.
Precisamente, para contrarestar iso, lembra que leva traballando dende hai anos "na implementación de políticas que permitan situar a Galicia non śo como o mellor lugar para ser neno ou nena, senón tamén, para ser o mellor lugar para envellecer dun xeito saudable e atuónomo, conferindo visibilidade aos nosos maiores”.
“IMAXE NORMALIZADA” DOS MAIORES
Deste xeito, un dos obxectivos da campaña é “mellorar a imaxe social das persoas maiores”, promovendo a superación dos estereotipos sociais negativos vinculados ao envellecemento e fomentando a difusión e proxección dos valores positivos asociados a esta etapa da vida. E, tamén, “proxectar unha imaxe normalizada e revalorizada das persoas maiores como transmisoras de coñecementos útiles para o avance social de Galicia”.
“Trátase de promover e valorizar a participación activa das persoas maiores nos distintos ámbitos da sociedade, aportando os seus coñecementos e experiencias, en especial no ámbito socioeconómico e profesional”, indica o prego de condicións do concurso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.