Ameaza con denunciar o Sergas tras un ano esperando por unha cita para unha proba de esforzo

O paciente sofre taquicardias e non coñece a súa causa. Leva esperando desde marzo de 2017 por unha proba que, segundo as indicacións do cardiólogo, debería realizarse como moi tarde en seis meses.

Por Galicia Confidencial | | 22/02/2018 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

A Plataforma Sanitaria en Defensa da Sanidade na Mariña vén de denunciar un novo caso de dilacións nas citacións para probas hospitalarias. Neste caso trátase dun paciente para o que se lle solicitou en  marzo de 2017 unha proba de esforzo que, segundo as indicacións do cardiólogo, debería realizarse como moi tarde en seis meses, pero pola cal aínda segue agardando, un ano despois.

Paciente con taquicardias mostra a súa queixa presentada no Hospital da Costa tras un ano agardando por una proba de esforzo.
Paciente con taquicardias mostra a súa queixa presentada no Hospital da Costa tras un ano agardando por una proba de esforzo.

En 2016, o paciente relata que acudiu en numerosas ocasións ao servizo de Urxencias con infeccións urinarias de repetición e cólicos nefríticos. Tras numerosos períodos de tempo con tratamentos antibióticos decidiron facerlle unha ecografía, se lle fixo un diagnóstico e foi posto baixo tratamento. Foi entón cando, segundo o propio doente, comezou a sufrir taquicardias de ate 180 pulsacións. Nin os electrocardiogramas que lle fixeron nin un rexistro posterior da actividade do corazón en 24 horas reflectiron as taquicardaias, polo que se lle solicitou en marzo de 2017 unha proba de esforzo que tiña que realizarse nun prazo máximo de seis meses.

A cita para a proba nunca chegou, polo que en febreiro do 2018 o paciente contactou coa Plataforma Sanitaria para facer unha reclamación. 

“Receitáronme ansiolíticos, máis as taquicardias non desapareceron e a maiores teño mareos. Xa non sei se todo isto que me pasa é pola medicación que tomo, pola ansiedade ou se teño algo no corazón. Teño medo de que un día me dea algo, necesito un diagnóstico”, relata o paciente.

Para a Plataforma Sanitaria é "intolerable a absoluta falta de respecto e desprezo que a Xerencia do Hospital da Costa e o Sergas amosan cara os pacientes, ninguneándoos ao deixalos até un ano sen diagnosticar e producíndolles sufrimentos innecesarios", denuncian.

“Están a obrigar aos veciños a denunciar", din desde esta plataforma, que denuncia ademais o uso que se fai de determinados medios de comunicación para "aínda por riba burlarse da xente ao publicar nesas reportaxes a dobre páxina tempos de agarda falsos para calmar o clamor popular, que comeza a ser preocupante para eles”, comentan desde a Plataforma Sanitaria.

Manifesta tamén a Plataforma  Sanitaria que "cifrar en quince días o tempo de espera medio para estudos cardiolóxicos, cando a xente está a esperar un ano ou máis, é dunha desfachatez impresionante”.

"Teñen a cara máis dura que o cemento que están a utilizar na tan celebrada obra de ampliación por parte de Balseiro e Vega”, ironiza Victor Vila, portavoz da Plataforma.

O paciente solicita ser citado á maior brevidade posible, facendo responsable á xerencia do que lle poida ocurrir a partir da data de rexistro da reclamación. ”Se non me dan solución non dubidarei en acudir á Xustiza”, conclúe o afectado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta