O avogado de Sito Miñanco recusa o tribunal, pide a nulidade do xuízo e di que a causa prescribiu

O narcotraficante está a ser xulgado na Audiencia Provincial de Pontevedra por un delito de branqueo de capitais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2018 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

O avogado do narcotraficante José Ramón Prado Bugallo, máis coñecido como Sito Miñanco, recusou o tribunal que o xulga desde este martes na Audiencia Provincial de Pontevedra por un delito de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico e no que tamén están investigados a que foi a súa muller, María Rosa Pouso Navazas, unha excuñada e un empresario ao que Fiscalía acusa de home de palla.

Sito Miñanco no xuízo por branqueo na Audiencia Provincial de Pontevedra
Sito Miñanco no xuízo por branqueo na Audiencia Provincial de Pontevedra | Fonte: Europa Press

Para estudar as peticións da defensa de Miñanco, que tamén pediu a nulidade do xuízo e asegura que a causa prescribiu, os maxistrados da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra fixeron un receso na mañá deste martes, un día despois de que Sito Miñanco se puxese en folga de fame polo trato recibido, segundo denunciou, na prisión pontevedresa da Lama.

O avogado do principal procesado, Gonzalo Boye, pediu a nulidade do xuízo fundamentado en catro argumentos, entre eles, falta de competencia entre tribunais "mal resolta" e a "falta de imparcialidade" da Sección Segunda, xa que tivo coñecemento desta causa cando tivo que resolver a cuestión de competencia.

Ademais, considera que os delitos que se xulgan xa prescribiron e, finalmente, acusou o fiscal de facer unha investigación "prospectiva" para sentar ao seu cliente "por todas as vías" no banco.

Este letrado tamén se queixou das dificultades que tivo para preparar o xuízo e reprochou que o seu cliente, de 62 anos, estivese a viaxar "por media España" e que a súa saúde se vise "comprometida".

Gonzalo Boye lembrou ao tribunal que o feito de que Sito Miñanco "teña uns antecedentes", isto "non significa que non teña dereitos". "Nós nunca admitimos nin admitiremos a culpabilidade do noso defendido", aseverou.

OUTROS AVOGADOS

Igualmente os avogados do empresario e da ex-muller do narcotraficante adheríronse a esta petición indicando que "sen dubidar da profesionalidade" dos maxistrados, entenden que a causa está "contaminada" ao ter coñecemento da mesma con anterioridade.

Pola súa banda o fiscal, Jesús Calles, negou todas estas argumentacións rexeitando que exista "contaminación", porque o auto sobre o que se pronunciou a Sección Segunda se cinguía á cuestión de competencia sen entrar noutros detalles e nun momento "moi inicial" da investigación.

Do mesmo xeito, negou a prescrición dos feitos que se lles imputan ao ser un "delito continuado" e, finalmente, rexeitou que este xuízo sexa "prospectivo". O fiscal pide unha condena para Sito Miñanco e os demais procesados de seis anos de prisión e 10 millóns de multa.

Sito Miñanco foi detido a principios do mes de febreiro nun macrooperativo policial no que se practicaron preto de 40 arrestos en toda España, entre eles, unha filla súa e un fillastro do condenado por narcotráfico Laureano Oubiña. Como consecuencia deste operativo, Miñanco, que estaba en réxime de semilibertade en Alxeciras, volveu a prisión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta