Por E.P. | PONTEVEDRA | 25/04/2025 | Actualizada ás 12:55
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso presentado por un home xulgado en Pontevedra por agredir sexualmente e maltratar durante anos á súa muller, e confirmou a sentenza da sección cuarta da Audiencia de Pontevedra, que o condenou a penas que sumaron 14 anos de cárcere polos delitos de agresión sexual, malos tratos habituais, ameazas, coaccións e lesións.
O tribunal provincial considerou probado que o procesado insultaba e ameazaba á súa muller practicamente desde o momento en que casaron, en 1990, e que creara unha situación de temor constante no ámbito familiar.
Tamén sinalou na súa sentenza que a situación se agravou a partir de 2017, con ameazas e insultos constantes, episodios violentos en presenza dos fillos e unha agresión sexual. Igualmente, resaltou o férreo control do acusado sobre a súa esposa, criticando a súa forma de vestir, fiscalizando os seus gastos e outras situacións de sometemento.
O TSXG considera que a proba de cargo para condenalo foi suficiente, e que o testemuño da vítima "é crible en si mesmo", mesmo se non fose corroborado polas declaracións das testemuñas e polos informes forenses. Tamén sinala na súa sentenza que a Audienca respectou "a machada" o seu dereito á presunción de inocencia e o seu dereito a un xuízo xusto.
Por todo iso, o alto tribunal galego desestimou o recurso e confirmou a sentenza da Audiencia. Esta resolución non é firme, e pode ser recorrida en casación ante o Tribunal Supremo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.