Por Europa Press / Redacción | VIGO | 24/04/2025 | Actualizada ás 16:45
A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a 15 anos de cárcere ao home xulgado o pasado 7 de abril, acusado de violar durante anos ao fillo menor de idade da súa parella, e considérao autor dun delito continuado de agresión sexual.
O tribunal considera probado que o acusado, que mantivo unha relación sentimental coa nai da vítima desde 2002 ata 2018, aproveitaba a convivencia para agredir sexualmente ao mozo, de forma continuada, en "múltiples ocasións", desde que este tiña 9 anos e ata que tivo 17.
As agresións incluían tocamentos, penetracións, felacións e outros abusos, e o home tiña ameazado ao menor para que non contase nada do que lle facía. A Audiencia considera como proba fundamental a declaración do propio prexudicado (que compareceu no xuízo por videoconferencia debido ao "pánico" que lle produce o acusado), na que non apreciaron motivación espúrea. Dito testemuño foi corroborado por testemuñas, como a exparella da vítima (á que lle contou os abusos), a nai ou o propio irmán, que durante a súa declaración ante o tribunal desvelou que o acusado tamén abusara del nunha ocasión.
Entre as probas de cargo, o tribunal tamén menciona unha "sobrecolledora e reveladora" conversación de WhatsApp entre nai e fillo, na que quedaron de manifesto os abusos e as ameazas. A iso súmanse as declaracións da psicóloga que atende desde hai anos á vítima e das forenses, que aseguraron que o denunciante cumpre os criterios dun trastorno de tensión postraumática compatible cos abusos.
O testemuño da vítima é, para a Audiencia, "persistente, se que se aprecien contradicións esenciais" e a sala non ten "ningunha dúbida" da veracidade dos feitos que se declaran probados, a pesar de que o acusado os negou tallantemente durante o xuízo.
Por todo iso, considera ao procesado autor dun delito continuado de agresión sexual e imponlle a pena de 15 anos de cárcere, e a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima por tempo de 25 anos. Igualmente, prívao da patria potestade respecto do seu fillo menor de idade por un tempo de 10 anos e inhabilítao para dedicarse a oficios ou actividades que impliquen trato con menores.
A Audiencia tamén lle impón a medida de liberdade vixiada durante 10 anos tras a súa saída de prisión, e a obrigación de someterse a un programa de educación sexual. En canto á responsabilidade civil, fixa unha indemnización para a vítima de 35.000 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.