Por Galicia Confidencial | Santiago de Compotela | 02/03/2018 | Actualizada ás 10:11
O fundador da empresa galega de electrónica Blusens, José Ramón García, quedou en liberdade provisional, após ser detido en relación a un suposto delito contra a propiedade intelectual e organización criminal.
Segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o xuíz que instrúe a causa decidiu que quedara en liberdade provisional, con comparecencias periódicas. Ademais, ordenou a retirada do seu pasaporte.
José Ramón García foi detido por axentes da Policía Nacional no marco dunha causa, declarada secreta, que leva o xulgado de instrución número tres de Santiago, cuxo titular é o xuíz Andrés Lago Louro. Nesta causa foron citadas a declarar a tres persoas, incluído o propio García.
Precisamente, desde o martes deixaron de funcionar os receptores Webtv de Blusens, que permitían a posibilidade de descargar aplicacións coas que poder conectarse a ligazóns piratas de webs con películas, series e deportes, entre outros contidos.
No pasado outras causas afectaron a Blusens. Así, en 2012 o xulgado do mercantil número 1 da Coruña condenou á empresa a cesar na elaboración e distribución do seu catálogo por entender que infrinxía os dereitos de propiedade intelectual de Televés.
Após a quebra de Blusens, José Ramón García está á fronte, desde 2014, da compañía Visualiza Business, que conta con investimentos en diferentes sectores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.