Un vídeo contra as verteduras químicas no mar

O grupo Divulgare da Universidade de Vigo publica a última peza audiovisual do proxecto Mariner, que ten como obxectivo mellorar a capacidade de resposta dos países ante verteduras mariñas.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 19/03/2018 | Actualizada ás 17:08

Comparte esta noticia

O transporte internacional por vía marítima de Substancias Nocivas e Potencialmente Perigosas (HNS en inglés – Hazardous and Noxious Substance) viuse fortemente incrementado nos últimos anos. Segundo IOPC Funds (The International Oil Pollution Compensation Funds), pasouse de transportar 165 millóns de toneladas en 2009 a 215 millóns de toneladas en 2015, facendo aínda máis notable a fenda entre o perigo e a preparación ante unha continxencia deste tipo e por tanto, incrementándose o risco ao que está sometida a costa. Segundo IOPC Funds, estímase que dos aproximadamente 37 millóns de produtos químicos que se utilizan no mundo, uns 2.000 transpórtanse regularmente por vía marítima e cada día en maior cantidade.

Vídeo realizado por Divulgare para o proxecto europeo MARINER sobre como implementar protocolos de resposta fronte a verteduras químicas no mar
Vídeo realizado por Divulgare para o proxecto europeo MARINER sobre como implementar protocolos de resposta fronte a verteduras químicas no mar | Fonte: UVigo.

O grupo Divulgare da Universidade de Vigo leva dous anos involucrado no proxecto Mariner (Enhancing HNS preparedness through training and exercising), coordinado polo Centro Tecnolóxico do Mar - Cetmar, que ten como obxectivo mellorar a capacidade de resposta ante verteduras químicas mediante o desenvolvemento de plans de adestramento e resposta coordinados entre distintos países da Europa atlántica, como Reino Unido, Francia, España e Portugal.

A iniciativa chega ao seu fin e os investigadores de Divulgare —factoría de vídeos científicos da UVigo— veñen de publicar unha nova produción audiovisual que pon punto final ao traballo que veñen desenvolvendo durante os últimos anos na difusión dos labores de adestramento que se están levando a cabo no ámbito da loita contra a contaminación mariña por vertidos accidentais.

Esta última peza, de sete minutos de duración, explica os diferentes protocolos de actuación ante unha vertedura química, medidas de especial relevancia dado o incremento transporte de substancias químicas por mar nas últimas décadas. Combinando animación e imaxes reais de simulacros e adestramentos, o vídeo un repaso polas características dos buques, das diferentes substancias químicas e das medidas a adoptar.

Simulacro gravado no vídeo realizado por Divulgare para o proxecto europeo MARINER sobre como implementar protocolos de resposta fronte a verteduras químicas no mar
Simulacro gravado no vídeo realizado por Divulgare para o proxecto europeo MARINER sobre como implementar protocolos de resposta fronte a verteduras químicas no mar | Fonte: UVigo.

Os investigadores de Divulgare, coordinados polo profesor Luis Navarro, lembran que ante un accidente marítimo, a falta de experiencia pode xerar caos e alarma social e, cando se trata de verteduras nas que están presentes substancias químicas perigosas, existe pouca experiencia. Por iso este proxecto tratou de incrementar a preparación fronte a estas continxencias, tendo en conta a complexidade engadida que supón a enorme diversidade de produtos deste tipo que se transportan por mar, arredor de 2.000, con diferentes comportamentos no medio mariño. Neste sentido, ao abeiro do proxecto Mariner, optouse ben por trasladar as técnicas xa habilitadas para incidentes en terra, ben por plantexar protocolos deseñados ad-hoc.

Os protocolos comezan pola protección do persoal a bordo do barco, dos equipos de resposta e da poboación na área afectada. O segundo paso está encamiñado a deter a vertedura e establecer zonas de exclusión para despois combater a situación e mitigar as consecuencias. Para isto é necesario identificar as substancias presentes para poder estimar a súa toxicidade e o comportamento da vertedura, para determinar o tipo de protocolo segundo se trate de gases, sustancias que flotan, que se afunden, recipientes, etc.

Durante estes dous anos de duración do proxecto desenvolvéronse e melloráronse os protocolos, compilouse información, realizáronse xornadas de adestramento, melloráronse os operativos, desenvolvéronse directrices transfronteirizas e elaboráronse materiais didácticos, como os vídeos dos que se encargou o grupo Divulgare.

COOPERACIÓN INTERNACIONAL

A finalidade do proxecto Mariner, que contou con financiamento europeo da DG-ECHO, era mellorar a cooperación entre países na planificación, preparación e resposta a derramamentos de substancias nocivas e potencialmente perigosas (SNPP), formando e sensibilizando e potenciando a transferencia dos resultados de I+D.

Para iso, as entidades involucradas apostaron polo traballo coordinado para mellorar os protocolos e garantir unha resposta máis eficiente ás emerxencias. “Non debería de haber ningunha dúbida de que os exercicios de adestramento son claves de cara a ter bos protocolos de resposta e para mellorar as capacidades e habilidades de todo o persoal implicado nunha potencial resposta e, na costa atlántica, polo menos, estamos facendo os deberes”, conclúen.

As entidades implicadas son: Dirección Xeral de Axuda Humanitaria e Protección Civil, Cetmar, a Universidade de Vigo, Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar); Servizo de Gardacostas de Galicia; Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (Ciimar) da Universidade de Porto; Centre de Documentation, de Recherche et d’Expérimentations sur les Pollutions Accidentelles des Eaux (Cedre) de Francia; a compañía lusa Action Modulers e Public Health England.

Vídeo realizado por Divulgare para o proxecto europeo MARINER sobre como implementar protocolos de resposta fronte a verteduras químicas no mar
Vídeo realizado por Divulgare para o proxecto europeo MARINER sobre como implementar protocolos de resposta fronte a verteduras químicas no mar | Fonte: UVigo.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta