Temas: CPXG JOSé COUSO

Nacho Carretero, Ramón Chao, Zehra Dogan e Julia Otero, candidatos ao XIV Premio Couso

O nome do gañador darase a coñecer en rolda de prensa e a entrega terá lugar o 3 de maio en Ferrol

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2018 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

Dúas mulleres e dous homes, tres deles galegos, concorren este ano ao Premio José Couso de Liberdade de Prensa, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. As propostas desta XIV Edición son Nacho Carretero, Ramón Chao, Zehra Dogan e Julia Otero. Os candidatos, que se distinguiron pola súa defensa da liberdade de prensa, foron propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol e por entidades e persoas relacionadas coa comunicación. Desde este martes e até as 19,00 horas do 10 de abril, os colexiados e asociados poderán elixir a candidatura gañadora, segundo informa o colexio.

A xornalista kurda Zehra Dogan
A xornalista kurda Zehra Dogan | Fonte: kurdistandelsur

Nacho Carretero, xornalista coruñés, traballou e colaborou en numerosas redaccións, "demostrando a súa capacidade de adaptación a distintos formatos e a medios de diversa orientación", destaca. É autor do libro 'Fariña', publicado polos editorial Libros del K.O., sobre o narcotráfico en Galicia nos anos 80 e 90 do século pasado, que en febreiro deste ano foi secuestrado por orde xudicial.

Ramón Chao, veterano escritor e xornalista nado en Vilalba, desenvolveu a súa carreira en Francia, en medios como Radio France Internationale, Triunfo, Le Monde e Le Monde Diplomatique. Defensor da liberdade de prensa ao longo de toda a súa traxectoria, tamén realizou unha permanente reivindicación da lingua e a cultura galegas, dirixindo emisións radiofónicas en galego prohibidas pola ditadura franquista.

Zehra Dogan, xornalista kurda e editora da axencia de noticias Jinha, formada integramente por mulleres, atópase encarcerada na prisión de alta seguridade de Diyarbakir polo seu traballo como comunicadora, acusada as autoridades turcas de "facer propaganda para unha organización terrorista". A súa axencia Jinha foi pechada en 2016 polo goberno.

Julia Otero, monfortina, ten unha extensa carreira profesional vinculada principalmente á radio, aínda que tamén sobresae a súa etapa na televisión. "Ao longo dos seus anos como xornalista, destacou pola defensa da liberdade de prensa e pola defensa da información rigorosa e contrastada", expón o Colexio de Xornalistas. Os seus catro premios Ondas, entre outros galardóns, sitúana como unha das xornalistas "de maior recoñecemento na actualidade".

AS VOTACIÓNS

Coa proclamación das candidaturas queda aberto o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do colexio galego de xornalistas e os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidirá o gañador. Os colexiados poden votar até as 19,00 horas do 10 de abril co seu usuario e contrasinal na parte persoal da web www.xornalistas.gal. Pola súa banda, os socios do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail a premiocouso@xornalistas.gal.

O nome do gañador darase a coñecer nunha rolda de prensa. Está previsto que a entrega teña lugar o 3 de maio, Día da Liberdade de Prensa, en Ferrol. Como cada ano, o Concello de Ferrol cederá o teatro Jofre para celebrar os actos entre os que está prevista a actuación musical que cada ano ameniza o certame.

As trece edicións anteriores foron para Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).

Temas: CPXG JOSé COUSO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta