Por Galicia Confidencial | Santiago | 03/04/2018 | Actualizada ás 10:48
Os xuíces do Tribunal Constitucional valoran un documento presentado por un dos seus membros no que se cuestionaría a inconstitucionalidade do recurso presentado no seu día polos socialistas. Así, de darlle o visto e prace ao documento a debater no TC, consideraríase que a Constitución ampara a segregación por sexo nas aulas, a eliminación da democracia na xestión dos centros públicos e a segregación do alumnado en itinerarios” tendo en conta a “clasificación” previa.
O presidente da Confederación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos, Javier Sánchez, en declaracións a Galicia Confidencial, resumiu a postura da Confederación de ANPAs en “que non é tan importante o que diga o Tribunal Constitucional, senón que estamos en contra da LOMCE por ser unha lei cun modelo contrario á igualdade na educación”.
PRINCIPIOS RETRÓGRADOS
O comunicado da Confederación de ANPAs sinala que a LOMCE é a lei educativa que acadou o maior rexeitamento social no estado español. Ademais, como subliña o presidente da Confederación, Javier Sánchez “esta lei o que busca é crear man de obra barata para o mercado laboral, sen que teñan unha formación cultural e que non sexan persoas críticas”. Pero o máis grave segue sendo a educación separada por sexos “como se un neno e unha nena fosen diferentes no momento de educárense, cando as diferenzas están nas particularidades dunha persoa” di Sánchez.
A cerna da postura do Constitucional estaría, segundo Javier Sánchez na “mentalidade e principios obsoletos que pretenden apoiar o ensino privado, aínda máis ao concertado e que obedecen a posturas retrógradas”. É por iso que no comunicado da Confederación piden a total derrogación da LOMCE e piden aos partidos políticos que prometeran dita derrogación en caso de maioría parlamentaria distinta, que cumpran a súa promesa electoral de derrogación.
Por outra banda, no comunicado da Confederación fan unha chamada de atención sobre as repercusións do posible rexeitamento dos puntos presentados polo PSOE. Entre elas a posibilidade de que un centro público ou privado, sostido ou non con fondos públicos ou non, poda realizar plans de estudo aplicando a segregación por sexos. Así veríase afectado o principio de que todas as persoas somos iguais sen que podan existir diferenzas por cuestións de xénero. Isto podería afectar aos dereitos das persoas transexuais ou a de crear unha sociedade fundamentada en valores de igualdade e poñerlle fin ao patriarcado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.