Por Xurxo Salgado | Compostela | 05/04/2018 | Actualizada ás 18:06
“Agora hai controis e advertencias que non existían antes. Pódense atopar na web ou en paneis físicos alí”. Deste xeito tentou xustificar Alberto Núñez Feijóo que o goberno que preside xa fixo algo para evitar fatais accidentes na Praia das Catedrais, como o que lle custou a vida a unha moza de Valladolid esta fin de semana.
O presidente galego lamentou esta morte pero tamén lembrou que isto aconteceu cando a Xunta decidiu controlar o acceso a este espazo natural. “Isto nunca sucedera antes, nin cando o lugar estaba masificado, nin cando non había controis de acceso”, indicou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.
Con todo, e a pesar de que, agora, o espazo está “controlado”, Feijóo recoñeceu que non puideron “evitar” esta tráxica morte e, por iso, dixo, “haberá que analizar todas as cousas para explorar que medidas se teñen que tomar a partir de agora”. En todo caso, lembrou que as responsabilidades non só son da Xunta, porque nese espazo natural, dixo, tamén teñen competencia o Concello de Ribadeo e o Goberno Central. “As tres administracións teremos que analizar con rigor que facer”, engadiu.
En todo caso, avanzou que a Xunta xa ordenou realizar un novo informe e advertiu que, en todo caso, o realizado en setembro do pasado ano, non advertía “de ningunha medida adicional” a ter en conta, aínda que alertaba do risco que para a praia e a súa contorna supón a masificación e a erosión por mor dos temporais.
Pero, antes de ter as conclusións dese novo estudo xeotécnico e xeolóxico, Feijóo apostou por ter antes un informe preliminar das medidas a tomar nas vindeiras semanas. Ademais, avanzou que a Xunta está en negociacións con Costas e o Concello de Ribadeo para poñer unha nova sinalética no monumento natural antes da ponte de maio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.