O alcalde socialista que votou co PP na Deputación de Lugo anuncia que se presentará como independente

Manuel Martínez será expulsado do goberno da deputación, onde exercía como vicepresidente, e tamén do PSOE. É a segunda vez que isto acontece nos últimos tres anos, pero desta volta anuncia que non recorrerá a súa expulsión deste partido como xa fixera en anteriores ocasións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2018 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, relevará ao vicepresidente Manuel Martínez despois de que este martes votase de novo co PP para devolverlle as competencias sobre a xestión das residencias a Suplusa, ente que el mesmo preside. De feito, as súas competencias en Vías e Obras e Parque Móbil provincial xa foron asumidas polo alcalde da Fonsagrada.

Manuel Martínez vota co PP na Deputación de Lugo
Manuel Martínez vota co PP na Deputación de Lugo | Fonte: Europa Press

Na tarde deste mércores tamén está prevista unha reunión de urxencia da executiva provincial do PSOE que dirixe Álvaro Santos --secretario provincial--, e á que se convidou a responsables en Galicia do PSdeG. Nesta reunión está previsto que se aborde o ocorrido no pleno da Deputación de Lugo e as consecuencias sobre a decisión de Martínez, que o abocan á expulsión do partido e do grupo provincial.

NON RECORRERÁ A EXPULSIÓN

O alcalde de Becerreá asume que será cesado do goberno do ente provincial e será expulsado do partido, polo que avanzou que "axiña que" se lle presente o expediente asinarao e descarta recorrer dita expulsión, ao revés que fai tres anos.

Entón, votouse a si mesmo e deixou en mans da popular Elena Candia o goberno da Deputación, ata que meses despois propiciou unha moción de censura que apoiaron PSOE e BNG e que puxo en mans de Darío Campos o bastón de mando provincial. "Como a condición de socialista non ma poden quitar, o carné imaxínome que si, pero alá eles e as súas consecuencias. Deberían de tomar unha decisión coa cabeza fría", recomendou.

Manuel Martínez, alcalde de Becerreá
Manuel Martínez, alcalde de Becerreá | Fonte: youtube.com

Aínda que sexa apartado do goberno provincial, Manuel Martínez continuará presidindo a sociedade do solo Suplusa, foco das diverxencias co seu grupo sobre a encomenda de xestión para as residencias de maiores. Martínez aproveitou para anunciar que se volverá a presentar á Alcaldía de Becerreá, deixando caer que o fará nunha lista "independente".

"Desde logo que cun partido non, senón cunha lista independente. Eu non estou para someterme xa a directrices e estatutos duns partidos que defenden o seu, pero non os intereses dos cidadáns", subliñou un Martínez que, curiosamente, votou co PP e non co seu partido.

"NON É AGRADABLE"

A presidenta do PSOE de Lugo e alcaldesa da cidade, Lara Méndez, confesou que esta situación "non é agradable". Así, Méndez apelou a que a "unidade (do partido) demóstrase no voto".

"E é certo que o partido necesita ser unha estrutura compacta e forte, mesmo con discrepancias internas, porque como forza de esquerdas e partido socialista nos enorgullece dicir que podemos non estar de acordo cunha proposta de partido, pero si temos a capacidade de acatar a disciplina de partido", manifestou.

Lara Méndez defendeu que o que lles identifica como partido socialista é a capacidade de combinar as discrepancias cun posicionamento sobre as cuestións, "sempre acatando o que decide a maioría dun grupo". "É unha situación difícil pero tomarase a decisión que se teña que tomar", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta