O alcalde de Becerreá desafía o PSOE a que o expulse e o conflito pode acabar no xulgado

Manuel Martínez apunta que o goberno da Deputación ao que el pertencía quere privatizar as residencias e suxire "compra de vontades" en Ribadeo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2018 | Actualizada ás 20:07

Comparte esta noticia

O presidente de Suplusa e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, suxire que o goberno provincial socialista, do que era vicepresidente até a semana pasada, quere "privatizar" as residencias de maiores. Martínez di tamén que detrás dese interese estaría detrás do "esperpento" de que o organismo provincial "non" quere que sexa el quen as xestione. Ademais, retou ao seu partido a expulsalo "automaticamente" da formación e advertiu de que o conflito sobre as competencias da sociedade pode terminar no xulgado.

Manuel Martínez xunto á sede de Suplusa en Lugo.
Manuel Martínez xunto á sede de Suplusa en Lugo.

Martínez, que compareceu na sede de Suplusa, perto da Deputación, votou a pasada semana co apoio do PP que a entidade recuperase a encomenda da xestión das residencias. Esta manobra custoulle a súa expulsión do goberno.

Así, sobre a súa expulsión do PSOE, confirmou que ten en Correos de Becerreá unha carta do partido. Non obstante, Martínez dixo que non irá recollela e retou a que o boten de forma "automática". "Non quero saber nada do PSOE, nin destes dirixentes", resolveu.

Ante as diferenzas sobre a xestión das residencias, Martínez interpretou que detrás está unha cuestión máis complexa, que sería a "privatización". "O interese por privatizar é claro e contundente, as actuacións todas levaron a romper un pacto que se estaba cumprindo perfectamente e que non tiña ningún tipo de problema", manifestou.

Martínez indicou que se o último informe, aínda pendente, confirma que o pleno é soberano para determinar as competencias de Suplusa sobre as residencias, poida que esta cuestión acabe "nos xulgados". En todo caso, admitiu que  Campos lle ofreceu, cando era vicepresidente, asumir desde este cargo da Deputación a xestión das residencias.  Mais Martínez di que o descartou porque sospeitaba que podía ser "cesado" en calquera momento.

"COMPRA DE VONTADES"

Martínez tamén se fixou en que a residencia de Ribadeo "non ten nada que ver coa Deputación", xa que se lle deu diñeiro, a través dun convenio, ao Concello para a construción. Isto atribuíuno á intención de "romper o BNG".

Neste sentido, o deputado díscolo suxeriu que o que busca é "conseguir romper o BNG". Aínda máis, dixo que o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, do BNG, aínda que en varias ocasións falouse de se deixaría a formación frontista, "xa non está no Bloque e posiblemente aterre no PSOE".

"Isto non o sei, pero todo indica que pode ser así. É unha compra de vontades, porque se que hai outras residencias que pediron entrar como Palas de Rei, Samos ou mesmo Sarria e non se lles concede ese privilexio, e porque si á de Ribadeo?, manifestou, en referencia a eses convenios.

REACCIÓN DE SUÁREZ

"Sobre estas declaracións estrambóticas do alcalde de Becerreá, teño que dicir que son quen son, sei quen son, sei de onde veño, de como pensei sempre e cara para onde vou", introduciu, nunhas declaracións remitidas aos medios o rexedor de Ribadeo. Fernando Suárez non aclarou se segue militando no BNG e remitiuse ao dito e a que hai "anos" que non fala da súa situación política.

Fernando Suárez matizou, iso si, que cando termine o seu "periplo" irase para o seu posto de traballo, nun municipio "próximo". "Non vou ir nin para un lado nin para outro, irei ao meu posto de traballo, que é o que sempre podes dicir con orgullo e satisfacción", agregou.

Respecto diso das palabras de "compra de vontades", o rexedor de Ribadeo defendeu que o que se fixo por parte do Concello e o goberno da Deputación é, "ante a pasividade e pasotismo" da Xunta, dar "resposta" á "vontade" dos veciños de ter "un modelo óptimo para o funcionamento da residencia de Ribadeo".

"INQUINA"

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, aconsellou en días pasados a Martínez que acudise a un psicólogo ante unha suposta "inquina" que, dixo, mantén cara ao anterior presidente e ex secretario xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro, algo que para o aludido "é froito do nerviosismo e de que están a facer as cousas mal".

"Non pasaba nada por esperar", dixo Martínez, ao informe que se agarda sobre a encomenda de xestión e a quen lle corresponde a xestión das residencias, se a Suplusa ou ao goberno da Deputación de Lugo. E sobre as palabras de Campos, ironizou: "El é veterinario e poderá opinar, eu fun ao HULA a pedir unha segunda opinión e espero que cando ma confirmen, me poñan a tratamento ou non".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta