Temas: FOLGA LOMCE

Os estudantes galegos saen ás rúas para reclamar un ensino "democrático e feminista"

Os convocantes cifran nun 85% o seguimento e as cidades rexistran manifestacións contra a LOMCE e para reclamar unha lei galega.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2018 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

Centenares de estudantes galegos manifestáronse este xoves en distintos puntos de Galicia reclamando unha educación "democrática e feminista". Fixérono dentro das mobilizacións convocadas polas Asembleas Abertas de Mulleres e Erguer con motivo da folga estudantil deste 19 de abril en ensino medio e universitario. Segundo a organización estudantil convocante, o seguimento nas aulas de ensino medio está a ser de en torno ao 85% e tamén está a ter unha "ampla repercusión" no ámbito universitario.

Estudantes maniféstase en santiago durante a folga do 19 de abril
Estudantes maniféstase en santiago durante a folga do 19 de abril | Fonte: Europa Press

En Santiago foron centenares os estudantes que percorreron as rúas da cidade ao berro de 'Avanzar, construír, o movemento estudantil' ou 'Aquí está, aquí se ve, o estudiantado galego en pé". Avanzaron polas rúas portando carteis contra a LOMCE e reclamando un ensino "democrático e feminista".

Ao remate da manifestación, na Praza de Praterías, unha portavoz das entidades convocantes, Ana Fidalgo, incidiu na necesidade de "conseguir máis e mellores bibliotecas, avanzar na gratuidade ou asegurar a presenza do galego nas aulas", algo que "significa facer da galega unha educación máis democrática". No mesmo comunicado apostouse por "visibilizar ás mulleres", asegurando "a seguridade que as mozas nos centros de estudo e nos campus" e "rompendo cos teitos de cristal".

LEI GALEGA DE EDUCACIÓN

Antes de celebrar unha asemblea, reivindicáronse para a educación en Galicia "solucións de fondo", que pasan pola "derrogación da LOMCE" e a creación dunha lei galega, "capaz de asegurar unha educación digna". A creación desta lei galega de educación é un dos alicerces básicos da xornada de folga deste xoves. Esta iniciativa é vista por Erguer e as Asembleas como un xeito máis sinxelo "xestionar e organizar" a educación desde Galicia.

As organizacións reclaman que se fomente "o aumento das partidas orzamentarias para o ensino público" e "se prohiban" as subvencións ou concertos "con centros privados", especialmente no ámbito dos centros que segregan por sexo, contra os que cargan. Para os estudantes que se manifestaron, a LOMCE é "unha lei creada para adoutrinar ao estudiantado no españolismo patriarcal" e que é necesario "derrogar", así como o decreto 3+2 de universidades.

MANIFESTACIÓNS

Ademais da manifestación de Santiago rexistráronse manifestacións concorridas na Coruña, Santiago, Ourense, Pontevedra e Vigo. A maiores, houbo concentracións de protesta en Boiro, Bueu, Cangas, Ferrol, Lugo, Marín, Moaña e Ribeira.

No caso de Ourense foi un centenar os estudantes que se manifestaron polas rúas da cidade das Burgas, reivindicando cuestións como a apertura da biblioteca pública durante a fin de semana ao longo do curso escolar, unha residencia pública con prezos populares e a apertura do edificio en construción do Campus da Auga.

En canto a transporte urbano, o colectivo estudantil esixe nesta cidade unha mellor adaptación dos horarios dos autobuses e dos seus prezos aos propios estudantes. "Os buses saen cinco minutos antes de que se acaben as clases no instituto, polo que esiximos que se axusten tanto os prezos aos estudantes a través dun bono, por exemplo, como os horarios", critican.

Temas: FOLGA LOMCE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta