Feiraco volve apostar polas Letras Galegas

A cooperativa agrogandeira colabora un ano máis coa Consellería de Cultura para potenciar a lingua e cultura galega co gallo do 17 de maio.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/05/2018 | Actualizada ás 20:38

Comparte esta noticia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e Feiraco lanzan un ano máis a campaña das Letras Galegas 2018, na que se inclúen unha serie de accións de dinamización da lingua galega coas que a cooperativa agrogandeira galega se suma á festa do 17 de maio desde o ámbito socioeconómico.

Presentación da campaña polo Día das Letras Galegas 2018 que organizan a Secretaría Xeral de Política Lingüística e Feiraco
Presentación da campaña polo Día das Letras Galegas 2018 que organizan a Secretaría Xeral de Política Lingüística e Feiraco | Fonte: Xunta.

“As iniciativas Practica a LEITura, o VII Certame de Microrrelatos e as reedicións dos libriños De onde ven o leite? e a participación de Feiraco no Concurso-Exposición Letras Galegas 2017 e na V Carreira Camiño das Letras reforzan o compromiso de Feiraco —que agora integra Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN)— coa lingua, coa cultura, coa tradición e coa sociedade galegas”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística na presentación, na que lle agradeceu ao seu presidente da empresa “a colaboración con Política Lingüística por medio das súas accións de responsabilidade e proxección social”, concluíu.

Participaron tamén na presentación o vicepresidente de CLUN e presidente de Feiraco, José Montes; a directora de Márketing de CLUN, Adalí Morales; e o director da División Láctea de CLUN, Pablo Gómez.

CERTAME DE MICRORRELATOS 

O Certame de Microrrelatos chega á súa VII edición para incentivar a creación literaria e animar a quen queira participar a compartir os seus textos desde a aplicación habilitada no perfil Facebook/Feiracolacteos. Á categoría de sempre —destinada a persoas adultas desde os 19 anos— engádese unha categoría infantil-xuvenil (dos 13 aos 18 anos) e proponse o texto “Subiu ata o faiado da casa e alí...” (A festa no faiado, María Victoria Moreno) para crear outro inédito e orixinal que non supere os 500 caracteres incluíndo os espazos.

O período de participación está aberto ata o 17 de maio no Facebook, onde se poden consultar as bases legais e os premios, que inclúen no caso dos primeiros senllas estadías de fin de semana no Pazo de Lestrove, por cortesía do grupo Pousadas de Compostela, que se une como entidade colaboradora da iniciativa, incluída na progración institucional Letras Galegas 2017 da Xunta.

PRACTICA A LEITura

Tamén desde as redes sociais se pode participar na iniciativa Practica a LEITura, unha acción en marcha desde o pasado 23 de abril que ata o 27 de maio quere animar a todos os públicos a Alimentar un Xeito de Ser desde a lectura.

A partir dun xogo de palabras, a idea é unir os bos hábitos alimentarios de consumo de leite coa práctica saudable da lectura e optar a un dos 150 exclusivos carteis vintage de Feiraco. Quen queira participar deberá adquirir unha caixa de leite da marca, en calquera das súas variedades, facerse seguidor do perfil oficial en Facebook e, desde a aplicación da promoción, subir unha fotografía do tícket de compra.

DE ONDE VÉN O LEITE?

Reedítanse estes dous libriños, dirixidos a escolares de infantil e primaria, cunha actualización de contidos para seguir ilustrando a cativada sobre os procesos de elaboración do leite desde a granxa á mesa.

Os novos exemplares distribuiranse en centros educativos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen tamén os distribuirá na súa versión dixital desde as súas canles (entre elas, o Portal da Lingua Galega).

OUTRAS INICIATIVAS

Para alén das inicitiativas sinaladas, Feiraco tamén colabora coa V Carreira Camiño das Letras cunha achega de produtos lácteos ás persoas participantes nesta carreira que sairá do Pico Sacro e chegará á Cidade da Cultura o 17 de maio para unir a práctica deportiva coa conmemoración do Día das Letras e co simbolismo do Camiño de Santiago.

A outra colaboración, por segundo ano, é cos premios do Concurso-Exposición Letras Galegas 2018 que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca para centros de ensino e cuxos proxectos gañadores chegan a case 2000 puntos de Galicia e do exterior. Os centros que se fixeron cos galardóns deste ano, o CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo, A Coruña; e IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra, disporán de lotes de produtos lácteos de Feiraco.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta