Para os coñecedores de Compostela, este cine situado na esquina do antigo cine Capitol - actualmente unha excelente sala de concertos – é un aliciente para sentir novas emocións na cidade. Ademais da sala de setenta butacas, NUMAX é tamén unha librería que ofrece unha selección de obras que non deixa de sorprender pola súa elegancia e sofisticación.
Dentro desa exquisita escolla de libros, revistas e deuvedés, prima de forma ostensible a apertura a outros idiomas, o cal está en consonancia non só coa natureza universitaria e cosmopolita da cidade, senón tamén coa hospitalidade coa cal se convive e recibe a visitantes e peregrinos de múltiples nacións. Da mesma maneira que no valioso festival Cineuropa que se desenvolve cada mes de novembro, a sala NUMAX proxecta tódalas películas en versión orixinal e con subtítulos en galego que son de grande solvencia na tradución e adaptación. Polo tanto, tamén a lingua galega se beneficia desta iniciativa singularmente proveitosa.
O moi reducido local é a un tempo vantaxe e desvantaxe. Se é certo que se producen amables colapsos na entrada á sala de cine e cando hai presentacións de autores convidados, tamén se establece un sentido de familia e de proximidade entre un público que adoita ser perceptiblemente culto e intelixente.
Finalmente, quedan por mencionar dous detalles. En primeiro lugar, unha petición: sería posible programar – aínda que só fora unha vez ó mes – películas clásicas marabillosas e pouco coñecidas, como por exemplo “Cinzas de amor” de King Vidor, con Hedy Lamarr e Robert Young? Poderíase así vivir o que viviron os nosos pais neses cines que agora son abandonadas pousadas de pantasmas: esa época – 1941 neste caso – na cal os actores vestían tan ben e amosaban unha inocencia romántica cativadora. Hai tantos clásicos dourados que nos encantaría ver en pantalla grande!
En segundo lugar e para concluír, un anticipo dun futuro artigo en GALICIA CONFIDENCIAL: neste cine NUMAX – tamén nos outros cines de Santiago, e moi especialmente na sala Multicines Compostela – os espectadores poden gozar do inmenso pracer da voz humana correspondente a diferentes partes do planeta. Trátase dunha sorte de viaxe de butaca. Na agradable compaña doutros admiradores da sétima arte, escóitanse tons tan preciosos coma os das nenas de “The Florida Project”, os pastores cantantes de Sardeña nunha obra de José Luis Guerín, ou as voces que estrelas como Scarlett Johansson e Bill Murray lles dan aos cans na illa de Wes Anderson. Son privilexios que suceden cada día nesta sala NUMAX que é para algúns de nós un novo Pórtico da Gloria na lendaria cidade por onde camiñaba, florecente de paixóns, un astro merecente dunha sublime longametraxe: a amada Rosalía de Castro.