Toda a oposición pide a comparecencia de Feijóo por "mentir" sobre a fusión das caixas

En Marea, PSdeG e BNG reclaman depurar "responsabilidades políticas" e o PP di que o presidente xa compareceu na comisión das caixas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2018 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

Toda a oposición esixiu este venres que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, compareza no Parlamento galego para "dar explicacións" sobre a súa "gran mentira" para a fusión das caixas, xa que esa decisión "anunciouse en función dunha auditoría externa", pero "nin houbo auditoría nin recomendaba a fusión".

Acordo para a fusión das caixas
Acordo para a fusión das caixas | Fonte: Europa Press

Esta semana, na comisión que investiga a crise financeira no Congreso, Fracesc Gibert, un dos autores do informe encargado en decembro de 2009 pola Xunta á auditora KPMG, previo ao proceso de fusión das dúas caixas galegas (Caixanova e Caixa Galicia), manifestou que este documento non constituía unha auditoría nin tampouco unha recomendación sobre se era conveniente ou non realizar a fusión, senón que analizaba a situación das entidades ante ese escenario de fusión. Tras iso, este venres En Marea, PSdeG e BNG coinciden en esixir que compareza Feijóo por "mentir" sobre esta cuestión, á vez que piden depurar "responsabilidades políticas".

En declaracións, Antón Sánchez (En Marea) denunciou que "a decisión económico-financeira máis importante dos últimos 30 anos en Galicia foi tomada dun modo chafalleiro e desde a máis absoluta mentira". "Feijóo terá que dar explicacións en sede parlamentaria a toda a cidadanía de como unha decisión deste calado foi tomada contando mentiras", sentenza.

A continuación, censura que Feijóo "ten responsabilidades políticas moi importantes", porque "ten a obrigación de explicar por que el e Marta Fernández Currás anunciaron" que a fusión "viña avalada por unha auditoría de KPMG", e resulta que "nin era auditoría nin avalaba a fusión". "Por tanto, foi unha auténtica estafa e unha gran mentira", apostila.

"A cidadanía non merece un presidente mentireiro que mente en cuestións tan importantes, que acaban cun resultado no que puxemos 9.000 millóns de diñeiro público e vendeuse a prezo amigo a un banco venezolano", arremete Antón Sánchez, quen agrega que "se prometeu unha caixa de aforros galega e acabou sendo un banco privado e venezolano".

Tamén reclama que Feijóo "ten que deixar de ocultar información". Por iso, require que se fagan públicas as "cuestións previamente fixadas pola Xunta de Galicia, onde se dicía á auditorÍa que era o que tiña que estudar, que se chama a carta de encarga", pero que "segue oculta".

PSDEG: "UNHA MONTAXE" QUE CUSTOU 9.000 MILLÓNS

Pola súa banda, Abel Losada (PSdeG) criticou a "montaxe da auditoría", que foi "unha coartada paga con diñeiro público para xustificar algo que non tiña ningún fundamento económico ou contable", como foi "disfrazar o que era un proceso de absorción dunha das caixas por un proceso de fusión".

"Moitos dixemos no seu momento que estaba condenado ao fracaso e, lamentablemente, foi así; ao final, entre 8.000 e 9.000 millóns que lle custou aos galegos", lamenta sobre unha cuestión que ve "grave". Di que agora que hai "consenso de que era unha auditoría que non era unha auditoría", empraza á Xunta a que faga público o expediente de contratación dese traballo. Dado que "non era unha auditoría", é necesario saber se "houbo falsidade nun documento público", así como coñecer como se licitou e se adxudicou todo o procedemento administrativo.

Tras cargar contra "o teatro absoluto do señor Feijóo e a señora Fernández Currás no proceso da fusión das caixas", Losada tamén demanda coñecer por que "se vendeu a un prezo absolutamente á baixa" a entidade resultante cando "se podía esperar", e máis mentres se coñecen as "taxas de beneficio" que ten actualmente Abanca.

O BNG CONSIDERA QUE "É ESCANDALOSO"

Pola súa banda, Noa Presas (BNG) sostén que "é escandaloso" que esta semana un responsable de KMPG recoñecese que "nin houbo auditoría nin recomendaba a fusión das caixas", no que considera "unha nova evidencia" de que Feijóo "mentiu aos galegos". Neste sentido, insta ao titular do Executivo autonómico a abandonar a "estratexia do avestruz", e lembra que ese informe "custou un millón de euros" ás arcas públicas.

Ademais, apela a " desconxelar" a comisión das caixas, que o PP ten "condenada ao ostracismo", mentres esixe "unha depuración" das responsabilidades políticas, que "cada vez é máis evidente que existen".

O PP RESALTA QUE FEIJÓO XA COMPARECEU

Preguntado pola petición da oposición, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, lembrou que o presidente da Xunta "xa compareceu na comisión das caixas" onde ofreceu unha "longa e exhaustiva explicación do que fixo" desde a Presidencia nese momento. Con todo, Pedro Puy asegurou que "como con todas", os populares estudarán a petición formulada por estas forzas da oposición.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta