Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/06/2018 | Actualizada ás 22:00
En Marea manterá a súa propia marca nas eleccións municipais. Así o aseguran fontes da formación galega consultadas por GC logo da declaración conxunta feita pública por Podemos, Izquierda Unida e Equo esta fin de semana pasada na que anunciaron un acordo marco para concorrer en coalición ás eleccións municipais, autonómicas e europeas que terán lugar en 2019.
“Ese acordo é para varias partes do Estado, pero non para Galicia”, apuntaron estas fontes que descartaron que haxa candidaturas diferentes ás mareas locais xa constituías por partidos que forman parte delas como poden ser Podemos ou Esquerda Unida.
Segundo o acordo rubricado o nome que esa coalición levará no conxunto do estado será 'Unidas Podemos Izquierda Unida Equo', mentres que para as europeas decantáronse pola marca 'Unidas Podemos cambiar Europa'. Os tres partidos recollen na súa declaración conxunta o compromiso de "construír unha España máis moderna, máis democrática e máis xusta social e ambientalmente" e apostan pola coalición electoral como fórmula xurídica "máis adecuada" para representar a súa unidade "sen renunciar á diversidade".
O documento dos asinantes recolle que para que a coalición se presente nun determinado municipio non teñen por que estar presentes os tres partidos. Ademais, sinálase que á norma xeral —que di que nas papeletas electorais se recollerá o nome da coalición, as siglas e os logos de cada unha das organizacións-— poden darse excepcións. Pero estas excepcións serán puntuais nas grandes cidades con "marcas consolidadas" como Agora Madrid ou Barcelona En Comú, ou en Galicia os casos de Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela, as tres cidades gobernadas polas mareas.
"DECIDIREMOS NÓS"
“Non é certo que se queira impoñer esa marca en Galicia. Aquí as cousas non están aínda fechadas. Decidiremos nós as marcas”, suliñan fontes da dirección de En Marea consultadas. De feito, lembran que no plenario desta organización que tivo lugar hai unha semanas acordouse que En Marea apoiaría a presentación de candidaturas de “mareas locais”. Isto significa, din, que se seguirá o modelo das municipais de 2015 na que concurriron baixo unha mesma candidatura distintos partidos, entre eles, Anova, Podemos ou EU.
Deste xeito, nas principais cidades xurdiron candidaturas como Marea de Vigo, Marea Pontevedra, Lugo Novo, Ferrol en Común, Marea Atlántica, Compostela Aberta ou Ourense en Común. De feito, con distintos nomes, o formato das mareas locais presentou listas en máis de cen concellos galegos.
Aínda que o pacto rubricado entre Podemos, IU e Equo non se aplicará nas mareas consolidadas de grandes cidades, mantense moi ambiguo no que ten que ver co resto das mareas locais. O documento recolle “que a denominación poderá ser diferente nas eleccións municipais en Cataluña e Galicia e será froito do acordo coas forzas políticas irmás neses territorios". De feito, indica que serán os distintos partidos os que celebren primarias por separado para elixir os seus candidatos e decidir como se articula cada alianza.
“E esa alianza será no marco das mareas locais que terán que decidir as súas listas independentemente das siglas ou dos partidos. E se algún partido non está dacordo co que se decide, ou non pode situar a algún dos seus de primeiro nas listas entón poderá ir por libre”, apuntan as fontes consultadas.
De feito, varios dirixentes de correntes diferentes dentro de En Marea aclaran que “o lóxico sería pactar unhas listas nas que todos estean cómodos” para non presentar listas enfrontadas. E iso, a pesar do aprobado polas bases de Podemos en Galicia que decidiron maioritariamente o pasado marzo ir co nome da súa organización nas listas. “En Galicia farán o que lle digan en Madrid e en Madrid non hai vontade de crear máis crises en Galicia”, suliñan fontes consultadas.
DEPUTACIÓNS
Outro problema engadido será se se poden unificar as candidaturas cun “único nome”. O pacto entre IU e Podemos tamén ten como obxectivo presentarse no máximo número de municipios para non desperdiciar votos na composición das deputacións provinciais, que reflicten a repartición de forzas a nivel municipal en cada provincia. Unha estratexia para entrar tamén en gobernos provinciais.
Con todo, no caso galego a situación é máis complicada debido a diferentes siglas existentes e, no caso das grandes cidades, con marcas xa consolidadas. Isto provocou nas pasadas municipais ter perdido deputados provinciais por non ir unidos. Unha situación que, de repetirse, podería cambiar gobernos nas deputacións xa que os votos poderían favorecer a outros partidos, como podería ser o PP na provincia da Coruña ou de Lugo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.