Por GC Emprende | Bruxelas | 07/06/2018 | Actualizada ás 11:00
A Asociación Europea de Cámaras de Comercio e Industria (Eurochambres) anunciou que a Cámara de Comercio de Santiago debe considerarse como un “caso de éxito” do proxecto Pre-Solve de prevención de negocios errados. Unha mención que consigue tanto polo número de empresas participantes –69 desde o inicio da convocatoria hai dous anos e medio–, e a satisfacción demostrada polas mesmas nas enquisas elaboradas tralo peche da convocatoria.
O proxecto Pre-Solve ten como principal obxecto ofrecer apoio a medida aos emprendedores e ás empresas poñendo ao seu dispor ferramentas de apoio para mellorar a súa xestión e competitividade. En concreto, búscase ofrecer aos empresarios acceso a unha análise da súa situación económico-financeira e empresarial.
Ademais, ofrécese apoio a medida en distintos niveis: financeiro, legal, estratéxico, comercial, e psicolóxico. Tamén se traballa no desenvolvemento dun plan para unha segunda oportunidade empresarial. Este proxecto europeo está coordinado pola Eurochambres e executado por catorce Cámaras de Comercio de oito países europeos.
A Cámara de de Santiago de Compostela asistiu esta semana ao acto de presentación das conclusións e peche do proxecto europeo “Pre-Solve” na Cámara de Comercio e Industria de Bruxelas. A técnico cameral Belén Mendoza asistiu á reunión coa emprendedora Mercedes García da empresa Indramejorla para presentar as conclusións do proxecto a nivel local.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.