O empresario galego José González Fuentes, galardoado co Premio Liderado Empresarial 2018

O acto de entrega celebrarase o 5 de xullo, onde se resaltará a vida empresarial do que é presidente do Grupo Luckia.

Por GC Emprende | Santiago de Compostela | 20/06/2018 | Actualizada ás 13:41

Comparte esta noticia

O presidente do Grupo LuckiaJosé González Fuentes, foi galardoado co Premio Liderado Empresarial 2018 da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC). Este é un galardón creado en 2007 para recoñecer a empresarios galegos destacados, cuxa transcendencia económica e social supera os límites territoriais de Galicia. Con este premio, a CEC quere recoñecer na figura de José González Fuentes a súa contribución ao progreso económico e social, así como á creación de emprego.

José González Fuentes
José González Fuentes | Fonte: cedida

O acto de entrega celebrarase o próximo 5 de xullo na Leira Montesqueiro de Oleiros (A Coruña), nunha sesión que reunirá as principais autoridades autonómicas, provinciais e locais, así como a numerosos empresarios e outras personalidades do ámbito económico, cultural e social de Galicia.

AS CONTRIBUCIÓNS DE JOSÉ GONZÁLEZ FUENTES

José González Fuentes (Cerceda, 1948) é un empresario que se forxou a través do esforzo, tenacidade e dedicación ao longo de corenta e seis anos de traxectoria profesional. Así, conseguiu situar ao Grupo Luckia entre as compañías líderes do sector do xogo en España, con presenza en todos os seus subsectores, con implantación internacional e contando xa con máis de 2.500 empregados, distribuídos entre o seis países nos que está presente.

Asiduo participante en todos os foros de formación e cunha extraordinaria inquietude pola aprendizaxe, dispón dun PDD pola Escola Superior de Caixas de Aforros (ESCA) e asistiu a numerosos cursos e xornadas de formación, tanto no ámbito financeiro coma no dos recursos humanos, a súa outra gran paixón. É precisamente neste ámbito onde o Grupo Luckia se distingue por dotar de recursos para a formación continuada do seu persoal no desenvolvemento da súa carreira profesional. Unha formación baseada na calidade e excelencia, tanto nas áreas de negocio como nas corporativas.

Nas recentes épocas de crises seguiu apostando e investindo en formación, a propósito de que así vai permitir unha maior implicación de todos os seus colaboradores na filosofía e cultura da empresa. Ao longo da súa vida empresarial obtivo diversos recoñecementos, dos que cabe destacar o de Mellor Empresario do Sector en España nos anos 2007 e 2014, outorgado pola prestixiosa revista do sector Azar, e máis recentemente o Premio á Excelencia Empresarial, que lle entregou o Club Financeiro de Santiago de Compostela en 2015.

OUTRAS FIGURAS RELEVANTES PREMIADAS

En edicións anteriores do Premio Liderado Empresarial que outorga a CEC galardoouse
a traxectoria de empresarios de recoñecido prestixio na comunidade galega como son Santiago Rey Fernández-Latorre, editor de La Voz de Galicia; a xa falecida Carmela Arias y Díaz de Rábago, Condesa de Fenosa e presidenta da Fundación Barrié da Maza; Ramón Cobián Varela, presidente do Grupo Hospitalario Modelo; Jesús Alonso Fernández, fundador e presidente de Jealsa-Rianxeira; José María Rivera, conselleiro-delegado de Fillos de Rivera S.A.; José Castro Suárez, presidente de Castrosúa; José Luís Calvo Pumpido, presidente do Grupo Calvo; Javier Etcheverría da Moa, presidente do Banco Etcheverría; Roberto Tojeiro, presidente de Gadisa; e, por último, José Montes Pérez, presidente de Feiraco.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta