Axentes forestais, á conselleira de Medio rural: "Bótenos unha man! Non pedimos nada insensato"

Ángeles Vázquez ofrece "diálogo", pero avisa de que "se pode chegar ata onde se pode chegar". Galicia, di, está "preparada" para o alto risco de incendios, e a Xunta entrega 36 todoterreos e 560 'tablets' a efectivos

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2018 | Actualizada ás 15:45

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, realizou a entrega este xoves de 36 todoterreos e 560 'tablets' para a loita contra o lume, nun acto con axentes forestais e ambientais na Cidade da Cultura, estes pedíronlle que lles "bote unha man" nas súas reivindicacións laborais.

Entrega de vehículos todoterreno a agentes forestales
Entrega de vehículos todoterreno a agentes forestales | Fonte: Europa Press

"Bótenos unha man! Non pedimos nada insensato", díxolle un dos axentes presentes durante o acto en Santiago. A isto respondeu a conselleira que teñen unhas peticións "xustas", pero chama a estes profesionais a ter "sentidiño común", porque "se pode chegar ata onde se pode chegar".

Posteriormente, en declaracións á prensa, Ángeles Vázquez ofreceu "diálogo" aos axentes, co fin de "cumprir os compromisos" para conseguir unha suba salarial e un operativo que "cada vez sexa máis profesional".

Neste sentido, lembrou o exposto o mércores no Parlamento galego, de forma que se prevé que o próximo ano se acade o 40% de axentes con formación necesaria para levar a cabo o proceso de promoción interna, xa que ata a data non foi posible por non chegar ata esa taxa. Este ascenso supoñería unha media de 2.000 euros máis ao ano por axente.

Ademais, remarca que a Xunta propón unha suba salarial de 2.000 euros máis ao ano por axente no marco das negociacións que mantén cos sindicatos. Tamén se aposta porque as quendas nocturnas durante os períodos que non sexan de alto risco non sexan presenciais

CAMPAÑA DE ALTO RISCO

Por outra banda, Ángeles Vázquez deixou claro que Galicia está "preparada" para afrontar a campaña de alto risco de incendios que comeza o próximo 1 de xullo.

Así, resaltou que Galicia "ten os mellores profesionais", á vez que puxo en valor que se destinaron 31 millóns de euros entre 2017 e 2018 a facer prevención.

Así mesmo, expón que a campaña de alto risco irá de xullo a setembro, pero "dependendo de como veña o tempo poderase ampliar un mes máis" en outubro.

"Continuamos desenvolvendo cada unha das 30 medidas que no seu día puxemos enriba da mesa no Parlamento", asegurou.

Neste sentido, avisa de que "agora do que se trata é que o incendiario non actúe", pero "como nalgún momento vai actuar (o incendiario) estar o mellor preparados posible".

ENTREGA DE VEHÍCULOS E TABLETS

Este xoves a conselleira fixo entrega de 36 vehículos todoterreo para a loita contra o lume, logo dun investimento de 1,1 millóns de euros.

Con esta incorporación, a frota dispoñible para estas tarefas é de 1.336 vehículos, dos que o 68% son propiedade da Xunta.

Así mesmo, nos últimos meses a Xunta alugou 263 vehículos, con contratos vixentes ata 2021 por máis de sete millóns de euros, para o operativo contra incendios.

Tamén se compraron 560 'tablets' por máis de 100.000 euros, co fin de que os axentes estean "perfectamente comunicados" e "poidan facer ben o seu traballo".

Segundo indica a conselleira, todo iso co fin de conseguir unha "maior seguridade" para o persoal, "que é fundamental no territorio", no marco dunha compra de medios que era "unha demanda" dos propios profesionais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta